Crea a túa web pensando no teu cliente obxectivo, xa que iso te acercará á venda.
Optimiza a velocidade de carga, para que os usuarios non escapen antes sequera de lerte.
Coida o contido, pois grazas a el atraerás posibles clientes.
Dispón dos elementos da túa páxina de forma lóxica e estratéxica, para que todo teña sentido e acerque ao visitante á conversión.
…
A homilía podía seguir así até o fin dos tempos.
Unha infinidade de consellos útiles para a gran maioría de sitios web de emprendedores.
Pero, ollo!
A gran maioría non significa todos.
É duro admitilo.
Non todo o mundo necesita (nin quere deixar o seu tempo en crear) unha páxina web:
- Pensada para que te visiten máis persoas que aduladores ten Musk.
- Optimizada para verse nun diminuto Apple Watch.
- Que supere a Amazon nos resultados de Google
- Ou que xere máis diñeiro nun día ca Amancio nun ano.
De verdade, é así.
E se ti es dos que prefiren botar a sesta antes ca estudar por que non te visita ninguén, este artigo é para ti.
Garántoche que, se realizas estas 10 accións á hora de crear a túa web, notaralo (para ben ou para mal) e non deixarás indiferente a ninguén.
Empeza por contratar o hosting máis barato que encontres
O hosting é onde van estar aloxadas a instalación de WordPress, os seus arquivos, cartafoles e as bases de datos.
Basicamente, para que o visualices, é un anaquiño dun computador que nos alugan para pór a nosa web alí.
Ben, pois debes escoller unha empresa a quen contratar o servizo.
Se quixeses perder o tempo, buscarías un aloxamento:
- Cun bo soporte técnico.
- Con certificados de seguridade SSL dispoñibles.
- Con backups frecuentes.
- Con discos duros rápidos e actuais.
- Con memoria e procesamento abondos.
Pero, como non queres, pois contrata o máis barato que atopes.
Nin repares nas súas características, o importante é facelo xa e ir visitar a Morfeo.
Proba todo tipo de temas e vai cambiándoos
Á hora de montar a túa WordPress, vas ter que instalar diferentes tipos de recursos.
Por unha banda, tes que buscar un tema.
O tema en WordPress é obrigatorio e controla cousas tan importantes como todo o que ten que ver coa aparencia visual da web: tipografías, cores, cabeceiras, pés de páxina, widgets etc.
Poderías renunciar a baixar tomar unhas cervexas e investigar o tema que necesitas:
- Definindo o propósito que buscas.
- Escollendo simplicidade e optimización.
- Verificando se está actualizado e ten soporte.
- Revisando as testemuñas de usuarios actuais.
Pero mellor proba aleatoriamente uns cantos dos milleiros que hai no repositorio e queda cun deles.
Ah, e non borres o resto que instalaras. Mellor ter 15 aí postos, que nunca sabes cando vas cambiar de parecer.
Instala plugins sen control
En canto á elección de plugins, en fin, outra odisea á altura das vivencias de Ulises.
Os plugins son extensións, pequenos programiñas que instalas en WordPress e que realizan unha función ou instalan un recurso extra.
Como podes imaxinar, son moi útiles.
Á hora de facer unha análise detallada de que plugins instalar, podías:
- Facer unha lista das necesidades da web.
- Instalar só os que vaias usar.
- Revisar se están actualizados e teñen soporte.
- Ler as testemuñas de outros usuarios.
- Mirar as discusións nos foros de WordPress.org
Pero, entre nós, iso levaría horas e é mellor ir ver a última carreira do Nano.
Por iso, instala todo o que vexas. Necesitas un formulario? Pois dálle. Que logo instalas outro que ten moitas cousas e tamén formularios? Ben, así tes 2 plugins que che engaden formularios. Dous mellor ca un.
E se resulta que metes varios de seguridade e acabas con 4 firewall? Mellor. Más protexido.
Porque funciona así, verdade… Verdade?
Sen dúbida, acabarás con 50 ou 60. Non hai problema. WordPress é tan bo que o soporta todo.
Ah, esquecíao.
Se che gusta algún de pago, báixao pirata. Total, é coma quen instala un Sistema Operativo hackeado no seu computador. Que é o peor que che pode pasar, que che rouben os contrasinais do banco?
Esquece os diferentes dispositivos e a conexión segura
Entre nós.
Se alguén quere ver ben a túa páxina web, que utilice un monitor de máis de 1024px de ancho e que navegue desde un PC cun Internet Explorer 6.
Non vas perder o tempo en adaptarte a todo o mundo.
Existen milleiros de resolucións diferentes e de dispositivos distintos. PC, tabletas, móbiles… Que preguiza!
E non digamos iso do certificado de seguridade, nin que isto fose o médico expedindo receitas.
Vaites, que por que vas preparar a túa web para:
- Que sexa fácil de navegar para o usuario.
- Que a súa experiencia de usuario sexa óptima, é dicir, que encontre o que está buscando.
- Que estea optimizada para cargar en terminais con conexións lentas.
- Que exista unha disposición dos elementos estratéxica en cada dispositivo.
- Que coide, tamén, a conexión segura cando intercambia datos.
Eu recomendo que te centres en ver a última publicación da túa influencer favorita, que é o que che fai feliz.
Se alguén che quere visitar, xa se esforzará en utilizar o programa necesario para facelo.
Ou non pasa o mesmo coa web da Axencia Tributaria, que aínda que sexa moi difícil de entender, facemos o imposible por entrar?
Non comprobes o tempo de carga da páxina web
A ninguén lle gusta esperar.
E nos tempos da inmediatez absoluta que nos dita Internet, aínda menos.
Ti e máis eu navegamos igual. Se a páxina web tarda 2-3 segundos en cargar, saímos correndo máis rápido ca Son Goku viaxando na Nube Kinto.
Pero, entre nós, fagamos realidade o vello dito de que o bo se fai esperar.
Como o suculento prato principal dun banquete, ao que nunca chegamos sen estar precedido sempre duns fríos e insípidos canapés.
Coma as xardineiras rebordantes de flores e vida, ás que primeiro tivemos que encher de terra, abono, plantar, quitar malas herbas e quen sabe que cousas máis.
Porque podías realizar unha serie de accións que che aburrirían unha chea como, por exemplo:
- Comprobar o tempo que tarda en cargar a páxina web.
- Utilizar ferramentas para detectar os problemas da carga.
- Optimizar recursos e comprimir arquivos.
- Coñecer os diferentes tipos de memoria caché.
- Revisar bases de datos e consultas SQL complexas.
- Aprender sobre as Core Web Vitals.
Pero, sinceramente, a min apetéceme máis ver o Clásico.
Así que deixa todo como está, que se queren ler as elaboradas reflexións que colgas no teu blog, xa esperarán a que cargue.
Pon moitas cores, que sexa vistoso
As cores son moi importantes nunha páxina web.
A época da televisión en branco e negro pasou hai xa moito e agora todo reborda corido.
Elixir as cores dunha páxina web non adoita ser unha cuestión sinxela. De feito, pode ser que te parases nas seguintes consideracións:
- Usar a psicoloxía da cor. As cores transmiten emocións.
- Apostar por unha paleta de cores limitada.
- Diferenciar cores para as chamadas á acción.
- Ter en conta o contraste e a accesibilidade.
Pero todo iso implica un estudo pormenorizado, e a verdade é que é máis interesante entrar en Twitter para pór de volta e media a outro anónimo usuario pola súa opinión sobre a investidura.
Eu diríache que poñas cores ao azar. As que máis che gusten, en modo pintura abstracta. Vermello, verde, azul, amarelo e marrón todo xunto?
Why not. Quen cho impide?
Co que custan algúns deses cadros, por que a túa páxina web vai ser menos?
Utiliza tipografías diversas e que os textos non pasen frío
De todos os xeitos, algo tes que escribir na web.
Aínda que sexa o teu nome, ao que te dedicas ou o teu enderezo electrónico.
A cuestión é que os textos adoitan ocupar bastante espazo dentro dunha páxina. Moita xente afirma que é o contido máis valioso e importante.
Non che vou a falar agora de como escribilos, senón de como mostralos. É dicir, de que tipografía utilizar e de como distribuílos ao longo da páxina.
Se estudases con calma as necesidades tipográficas e textuais da túa web, podías chegar a ter en conta:
- A importancia da lexibilidade. As fontes debían lerse ben.
- O valioso da xerarquización de tamaños para títulos e textos.
- O interesante de escoller un número limitado de tipografías.
- O crucial que é o espazado do texto, tanto entre letras coma entre liñas.
- O fundamental das partes en branco, para axudar a separar bloques de texto e evitar as sobrecargas.
Pero tanto ti coma min sabemos que non é momento de pórse puntillosos con iso das letras, que xa fixeches moitos cadernos Rubio de pequeno.
A cuestión é pór o tipo de letra que máis che guste. Dous, tres ou trinta e tres. A páxina web é túa e non existe lei que che obrigue a usar fontes de trazo firme e groso.
Non. Ti utiliza as que máis che gusten.
E se queres cargar moitas de servidores externos, faino. Que hai de malo? Mira o teletexto como é e canto tempo sobreviviu.
Por certo, lembra non separar moito o texto tampouco. Non fai falta que se constipe. Canto máis apertadiño, menos frío pasa e máis compacta é a web.
Coloca moitos elementos. Cantos máis, mellor
Entras no editor de WordPress e ves unha gran cantidade de bloques.
E seguro que entre todos os plugins que instalaches anteriormente, tes dispoñibles uns cantos centos máis.
Úsaos.
Ti dálle para adiante. Galerías, sliders, vídeos incrustados, textos en movemento, lotties etc.
E que dicir dos menús, botóns ou ligazóns. Cantos máis, mellor. Máis sitios para clicar terán os usuarios.
Por suposto, en ningún momento deixes que te rompan a cabeza con apreciacións como:
- Crear unha páxina clara e sinxela. Sen sobrecargar.
- Cunha navegación intuitiva.
- Situar os elementos e botóns de maneira estratéxica.
- Usar galerías e sliders de maneira moderada e controlada.
Esas cousas son para os cutres. Ti pon todo o que che guste. Máis é mellor, xa o di o dito.
Colle as imaxes de Internet. Se hai algunha que che encha o ollo, róubaa!
As imaxes na túa páxina web son moito máis ca unha simple decoración. Son ferramentas comunicativas e estratéxicas que desempeñan un papel clave.
E por iso debes colocar as que máis che gusten e representen.
Por unha banda, busca no teu móbil as fotos máis embarazosas da última reunión de amigos e cólgaas. Así, directamente. Sen censura. En todo o seu tamaño e resolución. Para que se vexa ben píxel a píxel.
Doutra banda, entra por Google e colle as que vexas. Non te preocupes, que Internet é moi grande e dificilmente darán contigo. E se o fan, que? Vante denunciar por pillar un par de fotos de Facebook e outra dun blog?
O importante é que che gusten e xa está.
Por último, non debes prestar atención a todo aquilo que pareza razoable en canto ao uso das imaxes, como por exemplo:
- Que as imaxes transmiten mensaxes e crean conexión emocional.
- Que han de ser auténticas.
- Que reforzan a imaxe de marca e que te diferencian.
- Que axudan a situarte en Google.
- Que deben ser relevantes, éticas e profesionais.
- Que hai que recortalas e optimizalas.
- Que se deben utilizar os formatos axeitados.
Ti sabes canto leva todo iso? Seguro que moito máis ca unha partidiña ao LOL. Non fagas caso.
Non escribas un blog nin te preocupes polo SEO
O blog é unha cousa antiga.
Pouco máis e inventárono os exipcios cando escribían nos papiros.
A cuestión é que a quen lle apetece pórse a xuntar letras? Non nacemos para ser Reverte. Ese xa existe e escribe máis en Twitter ca nun blog. Se el fai iso, por que nós imos levarlle a contraria?
A cuestión é que xa ninguén fala de blogs.
Nin se che ocorra pensar que un blog é unha poderosa ferramenta para compartir coñecementos, ideas e erguerte coma un referente do teu sector.
Seguro que algún gurú de medio pelo te dirá que escribas un blog:
- Pensado para unha audiencia estudada.
- Onde cres contido orixinal.
- Que che axude a establecer autoridade.
- Que te sitúe en Google.
- Onde desenvolver accións de márketing de contidos.
- Sirva para xerar oportunidades.
Mellor pasar de todo e volver ao principio.
A botar a sesta que xa é tarde!
Ti aplica estas 10 accións e a túa páxina web será recordada, asegúrocho.
Publicado orixinalmente en castelán no blog de wordpress.org.