A miña primeira WordCamp e outras cousas no inicio do outono

Pilas cargadas.

Volvemos á carga logo dun período algo longo de vacacións no blogue, pero tamén preciso para ordenar ideas, rematar proxectos e coller folgos para os meses que veñen.

Refixen o meu horario e incorporei tecnoloxías para ser quen de ordenar e priorizar as tarefas do día a día. Porque ademais do traballo, resulta que collín unha serie de materias noutro ciclo formativo.

E teño pendentes outras formacións en deseño e marketing dixital. Que lío!

Non esquecín o blogue

Teño unha lista de novos artigos feita que non entra nunha folla de Word, alén doutros proxectos paralelos que verán a luz nos vindeiros meses.

Ademais, vou incorporar en breves un novo servizo a esta páxina web, relacionado coa formación. Porque logo de probar tanto presentacións grupais como individuais, vexo que é un servizo que pode aportar valor e axudar a persoas que queiran comezar ou ampliar coñecementos de WordPress e Elementor.

E de todo o que aconteceu nas últimas semanas, quería destacar un evento ao que asistín: a WordCamp de Pontevedra.

Tivo lugar esta fin de semana (do 20 ao 22 de setembro) na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, cun amplo programa de máis de 28 presentacións en formato relatorio e varias mesas de traballo.

Pero comecemos polo principio…

Que é unha WordCamp?

Unha WordCamp non é máis que un evento de un ou máis días, enfocado en todo o relacionado con WordPress. Non ten ánimo lucro, está organizada pola comunidade e nela danse citas usuarios e profesionais de WordPress de todo tipo, condición e coñecemento.

O seu formato é o dun congreso con relatorios, charlas, mesas de traballo, networking… e un bo ambiente brutal!

Existen multitude de WordCamp en todo o mundo, e todas guíanse por un mesmo fío condutor: ser un punto de encontro da comunidade, aberto a todas e todos, participativo e, por que non dicilo, tamén festivo.

WordCamp Pontevedra

Foi a miña primeira WordCamp, e non sei por que non fun antes a ningunha, a verdade. Que pasada a todos os niveis. Desde o bo roio até a formación dos poñentes.

O programa oficialmente estaba dividido entre o sábado e o domingo, cunha Meetup previa o venres.

O sábado era o día forte, cun total de 29 presentacións. O domingo era o día do contribuidor, onde a xente aporta algo ao proxecto de WordPress logo de recibir todo o coñecemento do sábado.

No meu caso asistín a un total de 13 relatorios, de moi diversos temas. Desde deseño e emocións nas webs até como facer vídeos corporativos. Se tivera que destacar algunhas sería inxusto co resto, porque todas ás que asistín estiveron xenial.

Grupo de WordPress de A Coruña en la WordCamp Pontevedra
WordPreseros da Coruña na WordCamp de Pontevedra

A miña mañá na WordCamp Pontevedra

José Ramón Padrón falounos de como se organiza desde a Meetup máis pequena ás WordCamp máis grandes, Ana Cirujano explicounos o cambio de presentar as características dun servizo a presentar os beneficios e apelar ás emocións, Caribay Camacho indicounos como se debe facer unha Landing Page que cumpra o RGPD (cousa difícil, por outra banda), Pablo Moratinos explicounos como funciona Google Data Studio para presentar analíticas web e cruzar datos de múltiples fontes (vaia pasada de ferramenta), María Sáez recordounos como se constrúe unha estratexia SEO nunha pequena empresa (desde o estudo da competencia até a atracción de tráfico e as optimizacións), Jesús Amieiro ensinounos como automatizar tarefas (eu considero que a palestra non era nivel medio como se indicaba, senón avanzado).

Comida… e seguimos

Cun formato máis reducido e dinámico, Begoña Estévez presentounos como pasou de escribir un blogue por ocio a que este sexa a parte central do seu negocio, David Viña comentounos os erros cometidos que el considera que lle levaron a fracasar como freelance (moi recomendable para os que estamos comezando), Pilar García ensinounos como obter estratexias e respostas SEO manexando ferramentas de Google, Laura Fernández explicounos como desenvolver temas de WordPress partidos en diferentes partes para favorecer a edición e Francesc Barbero mostrounos como facer diferentes tipos de vídeos corporativos.

E así foi a miña tarde

Na recta final da WordCamp, Marta Torre e Noa Ferreirós ensináronnos cales son as fases que elas teñen no trato co cliente e dos seus desenvolvementos web, Antonio Cantero falounos de funís de venda en WooCommerce e de métodos de personalización do checkout e retención do cliente, e finalmente Fernando Tellado presentounos os seus maiores erros nunha década facendo webs.

Fernando Tellado hablando en la WordCamp Pontevedra
Tempo adicado VS resultado final

Como podes ver, xornada completiña, verdade? E a todo isto súmalle almorzo, comida e café de media tarde. Breve paso polos postos dos patrocinadores (con desconto incluído en Dinahosting e dominios .GAL) e moito bo roio.

O domingo, por desgraza, non puiden estar.

Podes ver todas as presentacións desta e doutras WordCamps en WordPress.tv.

Conclusión

Non volvo perder unha WordCamp.

Pilas cargadas, tarefas ordenadas e moitos artigos no forno.

Unhas ganas tremendas de colaborar máis na comunidade de WordPress, nos foros e no Slack de traducións ao galego (a ver se me poño dunha vez).

Máis ideas para avanzar no meu proxecto dixital.

Con todo isto, non te animas a instalar o teu propio WordPress?

Bo comezo de outono!!

PD. Mentres que escribía este artigo, chegou un email cunha enquisa de valoración da WordCamp Pontevedra. Xa o digo aquí: excelente!

De que se fala aquí

2 comentarios en “A miña primeira WordCamp e outras cousas no inicio do outono”

    • Pois si, a min encantoume a experiencia tanto das charlas como da experiencia compartida entre todos. Vémonos na seguinte Meetup!

      Responder

Deixa un comentario