Hei de recoñecer que a cuestión dos carriños abandonados non é unha dúbida excesivamente habitual entre os meus clientes de tendas online.
E resulta estraño, porque cando falamos de como xestionalos, todo o mundo recoñece esta funcionalidade como moi interesante.
Se cadra é unha situación que non pensas nun comezo, mais cómpre non deixar de prestarlle atención.
Non é nada estraño atopar usuarios que navegan pola web, engaden produtos ao carriño, chegan á páxina de pagamento e por diferentes razóns que veremos un pouco máis abaixo, deixan todo a medias e non finalizan a compra.
Se te dás conta, esta estratexia é implementada por unha gran parte dos maiores marketplaces onde estamos afeitos a comprar, por que ti non?
Acompáñame e recupera as túas vendas.
Por que se abandona o carriño
Non existe unha única razón que explique os porqués do abandono de carriños por parte dos teus clientes, mais é frecuente que sexa por un dos seguintes motivos:
- Un proceso de compra longo ou difícil. Non poñas pasos innecesarios. Non inclúas páxinas, campos ou opcións superfluas que entreteñan o cliente e que lle provoquen dúbidas. Axúdao e simplifícalle o proceso.
- Gastos non previstos. Desgraciadamente é máis habitual do que parece o feito de que haxa gastos (asociados principalmente ao envío) que non se mostran ou informan até chegar á páxina de pagamento. Se estes son anormalmente altos, algúns clientes pensarano dúas veces antes de realizaren a compra.
- É obrigatorio facer unha conta de usuario. Existen tendas online en que non podes realizar a compra se non creaches unha conta de usuario. Analiza se che compensa exixir esa conta ou non, e como vai repercutir á hora de pechar o proceso de venda.
- Non dar suficiente confianza ou soporte. Aquí podemos citar varias cuestións. A falta dun contacto claro, fallos ou erros na tenda online, tempos de carga moi elevados na tenda online, non ter un certificado de seguranza SSL instalado…
- Métodos de envío pouco optimizados. Tempos moi longos de espera polo produto ou empresas de envío incorrectas poden deitar por terra a compra.
- Métodos de pagamento estraños. Clientes afeitos a pagar con algúns métodos en concreto, talvez opten por non facelo con outros.
Hai outras razóns menos habituais, claro, mais se vas lanzar unha tenda online lembra revisar polo menos estas.
E ponlles solución!
Instala un plugin para recuperar os carriños
Imos supor que, a pesar de solucionar todos os problemas relatados, os teus visitantes seguen a marchar sen realizaren a compra e deixan a medias o pagamento.
Aí é onde entra en xogo un plugin moi interesante que nos axudará a intentar remediar isto e converter o visitante perdido en cliente: WooCommerce Cart Abandonment Recovery. É gratis e podes descargalo desde o repositorio de plugins de WordPress.
Segundo os seus estudos, entre un 60% e un 80% dos usuarios que van pagar nunha tenda online, finalmente non o fan. UAU!
O seu funcionamento é moi simple.
A través do correo electrónico, o plugin recórdalles automaticamente que deixaron unha compra a medias. Estes avisos son por defecto 3: tras 1 hora, tras 24 horas e tras 72 horas. Mais poderás configurar os que queiras e coa marxe temporal que queiras.
Ademais, é posíbel configurar a mensaxe e mesmo ofrecer descontos personalizados como última opción para non perder a venda.
Configura WooCommerce Cart Abandonment Recovery
Descarga e instala o plugin. A seguir, accede desde a barra lateral esquerda de administración á opción WooCommerce -> Abandono de carriño. Desde a pestana de axustes poderás configurar as distintas opcións:
- Activar seguimento. Activa esta opción para que o plugin comece a funcionar.
- Desactivar o seguimento de. Selecciona os roles de usuario para os cales o plugin non funcionará. Será interesante ignorar polo menos os Administradores e os “Shop Manager”.
- Excluír o envío de correo electrónico para. Marca que estados de pedido non recibirán os correos de recuperación do carriño. Eu deixaría marcados os estados ‘Procesando’ e ‘Completado’
- Avisar das recuperacións ao administrador. Se activas esta opción, o administrador recibirá un e-mail ao recuperar un pedido.
- Axustes dos cupóns. Desde aquí poderás xestionar que facer cos cupóns de desconto ofrecidos para a recuperación de carriños.
- Axustes de correo electrónico. Indica o nome e o correo do remitente, ademais do enderezo de resposta.
- Outros axustes. Activar Webhooks e o axuste do RXPD.
Tras configurar as opcións máis importantes segundo as túas necesidades, pasa a redactar e configurar os correos electrónicos cos que intentarás recuperar a venda
Como podes ver, xa existen 3 modelos montados. Podes usar eses ou outros. Ti elixes.
Para crear o e-mail, simplemente debes indicar o nome do modelo, o asunto e a mensaxe que lerá o cliente. Alén diso, has de indicar tamén se queres crear un cupón de desconto para recuperar a venda e cantas horas ou días despois de abandonar o carriño se enviará.
Se decides crear o cupón, lembra configuralo ben:
- Desconto. Indica se o desconto é fixo ou en porcentaxe.
- Importe.
- Caducidade. Pon unha data de caducidade ao cupón para xerar urxencia ao cliente.
- Casos de uso.
E antes de acabar, un último consello.
Personaliza ao máximo os correos mediante os shortcodes do plugin. Con eles poderás enviar un e-mail co nome do cliente, os produtos que deixou sen comprar, indicar un cupón de desconto e outros moitos datos.
Conclusión
Se xa é difícil conseguir vendas, imaxina que perdes a maioría delas no último momento.
Creo que configurar correctamente un plugin de recuperación de carriños en WooCommerce é esencial para aumentar a facturación.
E ademais das funcionalidades que vimos, WooCommerce Cart Abandonment Recovery indícanos cantos carriños se abandonaron, cantos correos se enviaron e cantas veces se recuperaron.
Todo en un. Próbao e cóntasme como che vai nos comentarios.