Comecemos con algo obvio: elixir unha boa plantilla. Un bo tema é un factor fundamental para todo deseño web. E nin é unha tarefa sinxela nin é unha tarefa rápida.
Por que?
Debes ter en conta que necesidades ten o teu proxecto nestes intres e prever cales terá no futuro. Debes coñecer as funcionalidades de cada plantilla que estás a revisar, e de todas as que se ofrecen identificar cales son as que mellor se adaptan ás túas necesidades.
Atina coa elección e aforrarás problemas, tempo e cartos editando código ou cambiando plugins. Analiza as funcionalidades, a usabilidade de cada proposta, os paneis de control e a capacidade de edición.
Entón… ¿como elixir un bo tema para o deseño da túa web?
Teño unha boa nova: a plantilla ideal existe, só hai que investir os recursos precisos para atopala. Estás preparado?
Repasa as claves para escoller o mellor tema para o teu proxecto dixital en WordPress.
Deseños adaptados
Ten en conta o seguinte dato. Segundo algúns estudos máis do 60% das persoas consideran que o teléfono móbil é o dispositivo máis importante para navegar por internet. Outros estudos indican que o móbil é a primeira fonte de tráfico en internet, por diante dos PC’s. Esta tendencia non para de aumentar nos últimos anos.
E ten en conta tamén que non só o móbil precisa dunha web adaptada á súa pantalla, tamén as tablets ou pantallas de ordenador de tamaños pouco habituais.
Que significa isto?
É imprescindible que a web estea adaptada a todos os dispositivos. É fundamental o deseño correcto de menús, barras laterais ou pés de páxina.
Imaxina a seguinte situación: entras nunha web onde todo se amosa pequeno, tes que facer zoom para ler, as columnas están fóra do sitio e o menú nin aparece. Liscas de contado.
E non só iso, a non adaptación a móbiles está penalizada por Google así que despídete da visibilidade. Aínda que a ditadura de Google é agobiante, tamén nos deixa a man recursos como Google Search Console, que che indica, entre outras cousas, problemas a corrixir nas visualizacións móbiles.
Temas con soporte e axuda
Recorda que o tema é unha das partes fundamentais da túa web. Se WordPress son as trabes de formigón armado, o tema son as paredes que as cobren coas súas fiestras, portas, ladrillos e pintura.
O tema debe actualizarse periodicamente e contar cun bo soporte técnico. Debe mellorar as funcionalidades e corrixir erros e buracos de seguridade. Debe contar con documentación onde consultar dúbidas e erros.
Recoméndoche que entres nos foros de soporte e consultar as opinións doutros usuarios e na puntuación que estes lle outorgan.
Debes ter claro que queres do teu proxecto dixital
Que buscas realmente? Que tes en mente? Segundo sexa a túa idea de negocio é probable que o deseño ideal sexa distinto. Como vimos no artigo onde falamos das vantaxes de WordPress existen miles de temas e outros tantos miles de complementos que engaden funcionalidades.
A idea do que queremos debe ser clara.
Que vas publicar? É un xornal dixital, unha tenda online (ecommerce), vendes produtos ou servizos? Es un emprendedor dixital?
A quen te dirixes? Quen é o teu público obxectivo?
Todo isto vai condicionar o estudo da túa web.
Hai plantillas que inclúen unha ou varias funcionalidades xuntas. A que nunca debe faltar é o blog, a nosa ferramenta de entrada de tráfico á web.
Que se adapte ao teu negocio e sexa personalizable
Unha vez que teñas claro como é o teu proxecto dixital debes pasar á seguinte etapa. Cando teñas claro que é o que queres podes optar por:
* Contratar a un deseñador web freelance, como é o meu caso. Instalo, configuro e deseño un sitio web optimizado e profesional adaptado as túas necesidades. Se estás interesado, podemos falar.
* Facelo por ti mesmo. Neste caso debes analizar e planificar como deseñar a homepage, os menús, as barras laterais, o logo, as cores corporativas, como vas engadir as redes sociais, etc.
Fíxate nos temas cuxos paneis de administración deixen variar múltiples opcións de xeito sinxelo. Se non podes mudar o logo, o tamaño dos parágrafos ou as cores de fondo; de que vale esa plantilla?
Plantillas lixeiras e optimizadas para SEO
Como che pido persoalmente, escolle optimización e visibilidade. E iso vai parello a, entre outras cousas, unha web lixeira en peso. Non vou negar a existencia de espectaculares deseños visuais, pero pensaches nalgún intre canto ocupa iso? Cantos recursos consume e canto tarda en cargar esa web?
O terror para Google.
Un tema lixeiro, sen elementos superfluos é unha das mellores técnicas de optimización. Recorda: antes funcionalidade que extravagancias visuais. Por iso tampouco recomendo apostar por temas multipropósito.
Oes Anxo, e que é isto?
Un tema multipropósito é aquel que contén moitas opcións e extras que fan que se poida adaptar a moitos tipos de negocios diferentes, que utilizarán unhas ou outras opcións segundo lles conveña.
E por que isto é malo? Porque utilices ou non un recurso, este cárgase, ocupa espazo e relente a web. Por exemplo, se non queres para nada unha caixiña que cargue o Instagram, un slider ou un recurso de seguridade concreto; por que os vas levar a costas?
Esta é a maior crítica que lle podo facer aos temas de ThemeForest.
A miña recomendación é utilizar un tema lixeiro e orientado ao SEO, como GeneratePress, e un construtor visual para personalizar a web ao teu gusto e só cos elementos precisos. A miña recomendación é Elementor.
Elixe temas Premium
Todos coñecemos proxectos que botaron andar con pouco orzamento e a elección era clara, buscar no repositorio de temas de WordPress e coller un dos que non custaban cartos.
Eu adoito dicir que pagar por un tema é unha inversión e non facelo é, a medio prazo e se o proxecto crece, un gasto que trae moitos problemas. Ramén económicos, pero sobre todo de dores de cabeza.
Os temas gratuítos adoitan ter presentacións moi chulas pero a súa optimización e personalización pode ser longa e tediosa, e acadar un resultado final como o ofrecido nas imaxes de presentación é tarefa complicado.
Os temas premium adoitar ter mellor soporte, facilidades de edición, actualizacións periódicas, maior velocidade e funcións máis avanzadas. Isto permite unha maior diferenciación e non se atopar coa ingrata sorpresa de ver unha web igual que a túa.
Polo tanto…
Para elixir un bo tema para o deseño da túa web:
Analiza as necesidades do teu proxecto dixital e actúa en consecuencia.
Faino por ti mesmo ou contrata a un deseñador web experto en WordPress.
Non hai presa en tomar a decisión, é unha das máis importantes.
Visita os blogs do teu nicho. Visita a túa competencia e mira, investiga e copia!
Elixe funcionalidade antes que deseño espectacular.
Inviste e lánzate!
Vémonos nos comentarios!