Como facer títulos atractivos? Crea un título orixinal en 7 pasos

Aiiii os títulos das túas entradas do blog…

Vouche falar de algo importante.

Se estás aquí, é probable que a ti tamén cho pareza.

Ou, se cadra, non.

Mais vouche convencer de que si o é.

Repetín tanto estes consellos que me daba até vergoña non ter un artigo aquí escrito sobre o tema, xa que os títulos son unha parte moi importante do contido da túa páxina web.

De feito, é unha parte fundamental.

Tamén dos teus emails, das túas mensaxes de venda ou dos teus contidos que se comparten en redes sociais.

Un título pode decidir se un usuario te visita ou non.

Un bo título tórnase fundamental nese intre en que esa persoa anónima, que idealmente será o prototipo do teu cliente ideal, pensa en lerte a ti ou á túa competencia.

Como escribir o título dun post

Coidar os textos da túa páxina web é algo completamente imprescindible se queres que o teu proxecto teña algo de futuro.

E o título non é unha excepción.

Se procuras aumentar o tráfico do teu blog, unha das estratexias máis importantes é crear títulos atractivos que chamen a atención da túa audiencia.

Un titular interesante pode marcar a diferencia entre un post que se le e un que pasa desapercibido. Por iso, ensinareiche a redactar titulares atractivos para os teus posts co obxectivo de multiplicar o teu CTR (o Click Through Rate ou número de clics que fan as túas publicacións con respecto ao número total de veces que apareces) e conseguir máis visitas.

Aplica estes consellos e pasarás duns títulos insulsos e do montón a outros dos que o teu usuario ficará namorado.

Un título concreto para unha audiencia concreta.

Antes de empezar a escribir un titular é importante coñecer a túa audiencia.

  1. Que lle interesa?
  2. Cales son as súas necesidades e desexos?

Ao coñecer a túa audiencia, poderás crear titulares que resoen con eles e os atraian ao teu post.

É dicir, que tes que ter ben estudado ao teu cliente e saber que lle doe e/ou  o motiva. Combate as súas obxeccións, céntrate en desmontalas e verá que o que lle dis é interesante.

Crea o título con palabras chave

Si, o SEO, iso do que tanto oíches falar.

Pódelo optimizar. De feito, debes optimizar o SEO das entradas da túa web, empezando polas palabras chave do título.

As palabras chave son termos ou frases que describen o tema do teu post e polos que vas intentar aparecer en Google. Incluír palabras chave no titular é importante para que os motores de busca poidan entender de que trata o teu post e mostralo nos resultados de busca relevantes.

Ademais, os usuarios tamén poden escanear os titulares para decidir se un post é relevante para eles ou non.

Déixate de andrómenas e utiliza títulos con verbos de acción

Menos é máis.

Un titular atractivo debe ser claro e conciso.

Non ten sentido crear un titular longo e complicado que non se entenda. No seu lugar, utiliza palabras sinxelas e claras para que os lectores saiban de que trata o teu post nunha soa ollada.

E con verbos de acción, isto é, aqueles que estimulan o usuario a facer algo, a realizar unha conversión, a subscribirse á túa newsletter, a solicitar información ou simplemente a aprender un contido.

Estes verbos indican movemento, son específicos e animan o lector a tomar unha decisión para levar ao beneficio.

E utiliza o imperativo para engadir firmeza.

Por exemplo: crea, aprende, mellora, acada, consigue, domina, elimina, atrae, goza, deseña, persuade etc.

Enumera o teu título

Xa o viches mil veces:

  • As 10 ferramentas para…
  • Descubre os 7 pasos que…
  • 5 lugares que debes visitar en…
  • Crea un título orixinal en 7 pasos (he he he).

As enumeracións funcionan. Os números son unha excelente maneira de chamar a atención dos lectores.

Utiliza números nos teus titulares para destacar a información máis relevante do teu post e facer que sexa máis fácil de entender. As listas de conceptos, promesas ou consellos son moi potentes.

Usa as emocións para axitar o lector

As palabras emocionais poden axudar a crear unha conexión profunda cos lectores.

Outra opción é crear moita expectación sen desvelar todo o que poden encontrar dentro do post.

Por último, tes na túa man apostar pola controversia, a incógnita ou a provocación.

Por exemplo, desvelar un “segredo”, os erros que “non debes cometer” ou os consellos para “non caer en bancarrota” poden ser boas ideas para este punto. O negativo e o oculto chaman moito a atención.

Sé creativo e transmite a túa personalidade

Os textos non poden ser copias os  uns dos outros como se fósemos robots.

Se hai algo que nos diferencia da nosa competencia, ademais de ser moi bos no noso, é a nosa personalidade.

Non teñas medo en ser creativo.

Utiliza xogos de palabras, rimas ou metáforas para facer que o teu título sexa máis memorable e atractivo. Lembra que un título creativo pode ser a chave para facer que o teu post destaque entre a multitude.

Por exemplo, se o ton do meu blog é provocativo e desenfadado, por que non vou escribir cousas como: Aprende as 4 chaves para crear unha tenda online rentable mentres tomas unhas cervexas no bar.

Dá o que prometes. Os titulares deben ser honestos

Non é unha parvada dicir isto.

O contido debe estar á altura do titular. Non podes crear un titular memorable que prometa algo que non poidas cumprir.

Non enganes porque pode que leves a primeira visita, mais será unha e non máis. Perder a credibilidade online é moi fácil e complexo de recuperar.

De nada serve un bo título se o contido non o é.

Por exemplo, non prometas facturación. Non prometas ganancia. Non prometas nada que non poidas verificar e cumprir.

Aprende as 7 chaves para ganar máis de 10.000€ ao mes en menos de 7 días.

Este titular está moi ben a nivel de como se formula (verbo de acción, enumeración, promesa e tempo acotado).

Pola contra, está moi mal a nivel de honestidade / veracidade. Quen pode prometer iso?

Ninguén.

Conclusión

Crear un titular atractivo pode marcar a diferenza entre un post exitoso e un que pasa desapercibido.

Ao coñecer á túa audiencia, utilizar palabras chave, ser claro e conciso, utilizar números, utilizar palabras emocionais e ser creativo, poderás crear titulares que chamen a atención da túa audiencia e atraian máis visitas ao teu blog.

Déixoche uns exemplos cos pasos que che ensinei:

  • Aprende inglés [promesa] en menos de 3 meses [tempo acoutado] aínda que sexas negado para os idiomas [obxeccións].
  • Os 7 plugins que debes instalar [enumeración] para vender máis na túa tenda online [promesa].
  • Por que non estás vendendo máis na túa tenda online [secreto negativo] e como podes arranxalo en 4 pasos [solución con enumeración].
  • O teu deseñador web diche que escribas un blog para posicionar? Pois mentiuche [provocación]

Lembra que sempre hai marxe de mellora e que debes ter máis variables en conta.

Proba estas técnicas nos teus próximos posts e observa como aumenta o teu CTR ou tráfico do teu blog!

De que se fala aquí

Deixa un comentario