Non che vou descubrir nada se digo que escribir textos para unha páxina web é unha tarefa moito máis complexa do que a simple vista pode parecer.
Falamos de textos únicos, irrepetibles e que transmitan á perfección todo o que sabes facer.
O mundo da escritura persuasiva é extenso e ten favorecido a creación de novos postos de traballo, que van alén da escritura publicitaria clásica. Falo dos copywritters, xenios da palabra que nos envolven co xeito de presentar os produtos ou servizos.
Neste artigo pretendo condensar os coñecementos e as prácticas que aprendín de todo ese mundo, e que estou a aplicar nos meus proxectos.
Sen ir máis lonxe nesta mesma páxina web.
Poreiche exemplos para que vexas como podes redactar textos para as túas páxinas, que transmitan a túa proposta de valor e que non deixen indiferentes aos lectores.
Voume centrar nese contido estático, que adoitamos escribir para presentarnos e mostrar a nosa carta de servizos ou produtos.
Que buscas cos textos da túa web?
Antes de nada, debes analizar que buscas e a quen lle escribes. É dicir, que queres transmitir, como o queres transmitir e quen é o teu lector ideal.
Nisto pódoche asegurar que hai unha clave que destaca sobre o resto, e que supón unha pegada única e persoal: evita deixar indiferentes aos teus lectores.
Coa presenza online e co deseño dunha páxina web podes perseguir varios fins: maior visibilidade, ser referente no teu nicho de mercado e mesmo conseguir clientes a través da páxina web para escalar o negocio.
E moi posiblemente haxa xa xente ofrecendo cousas similares á túa, por que ti es especial? Que tes ti que non teña outra persoa? Debes ter en conta estas preguntas á hora de redactar, nomeadamente a páxina de Quen Son e a páxina de Servizos/Produtos.
Moi relacionado con isto, debes deixar claro o propósito de cada unha das páxinas que escribas. Cada páxina serve para unha cousa, cada texto nela tamén. Que obxectivo ten cada bloque? Crea unha conexión co teu lector, escribe desde a empatía e reforza o storytelling alí onde podas, é moi poderoso.
Por último, non me podo esquecer do síndrome do impostor. Referírome a esa sensación de pensar que estás enganando ao teu lector, ao afirmar ou prometer certas cousas cos teus servizos.
A min tamén me pasou, durante moito tempo. Quen son eu para ofrecer este servizo ou dar este outro consello?
Dinme conta de que, ao final, se es un profesional e fas as cousas con traballo e honestidade, sempre vas poder axudar a todas esas persoas que saben menos do teu sector ca ti, e non os estarás enganando, senón impulsándoos.
Diferénciate das presentacións clásicas de empresa
Non estás canso de ler a típica presentación de empresa, presente na maioría das páxinas web corporativas clásicas deseñadas e escritas hai anos? Adoitaban comezar por “somos unha empresa multidisciplinar cun servizo integral e adaptado aos nosos clientes” e acompañábase de imaxes xenéricas de edificios ou reunións.
Se te sentes identificado, anímote a que invistas una tarde desta mesma semana en pensar como mellorar esa presentación.
Fuxe do ton monótono e impersoal. O teu lector debe percibir que hai alguén detrás, que es una persoa de carne e óso que lle fala directamente.
E ligado con isto, non utilices o plural e non te excedas na formalidade. Trata de ti ao lector agás casos moi xustificados.
En resumo, neste punto quero transmitir a necesidade que temos de dar a cara (tanto en textos como en imaxes) e ser nós mesmos. ¡Causa algún tipo de impresión!
Niso tamén consiste a escritura persuasiva, en ser capaz de mostrar como somos e transmitir emocións.
Como traslado os atributos da miña marca?
Moi ligado co anterior, os textos das páxina da túa web deben ser únicos.
Únicos non só porque os escribes ti (ou contratas a alguén que saiba de copywritting) e non son copiados de ningún sitio, senón porque as solucións que presentas tamén son únicas.
Solucións únicas en canto a resolver os problemas, valores e filosofía.
Tes que coñecer ao teu lector ideal e resaltar o seu punto de dor. Que lle preocupa? Que non lle deixa avanzar no seu proxecto? E que tes ti que lle poda facer a vida máis sinxela?
A isto me refiro con solución única dos seus problemas.
Debes utilizar os textos para transmitir o valor que lle vas aportar na súa vida. E para iso tes que incidir nos beneficios. O lector non busca que lle expliques polo miúdo como vas facer, senón se tes algo que lle vai facilitar o seu día a día.
Por iso é moi importante o seguinte: amosa beneficios, non características.
Os teus servizos terán unha serie de características, mais no canto de nomealas debes intentar mostrar como esas características melloran a vida do cliente (dalgún xeito) ou que lle ocorrería a súa vida se non existise ese beneficio.
E logo xa mencionarás as características técnicas, pero sempre en segundo plano.
Vou poñer un exemplo. O teu produto é unha bicicleta de montaña. Ten rodas grosas, ten agarres cómodos, amortecedores, etc. Á hora de presentala, o mellor será expor que se adapta a todos os terreos, polo que a podes utilizar en campo e cidade; que é máis cómoda, polo que a podes utilizar máis tempo; que absorbe mellor os golpes e as fochancas, polo que hai menos risco de caída… non cres?
Efectivamente todos eses beneficios están xustificados polas características, pero aí o que fas é ensinarlle ao lector por que o seu paseo en bicicleta será mellor se escolle a túa e non outra.
Antes de rematar este punto non me podo esquecer da chamada á acción. Dille a túa visita que queres que faga ;), sen medo!
Escribe textos comprensibles, nin abafes nin te disperses
O primeiro e máis importante que tes que ter claro é a importancia de que o texto sexa lexible, por enriba de calquera outra cuestión.
Utiliza unha linguaxe clara e concreta. Evita xeralidades. Por exemplo, escribe mazá e non froita ou xoves e non o outro día.
Se directo, non te repitas e acompaña datos nas túas explicacións. Algo moi útil sería ler en voz alta o que acabas de escribir e mesmo escoitalo para ver se é coherente.
Racha a monotonía do texto intercalando frases longas e curtas, para evitar que o lector se aburra con grandes bloques de texto con decenas de liñas. Combina as lonxitudes dos parágrafos e destaca a parte máis importante con grosas.
Estamos habituados a ter moitos estímulos, e máis cando nos acostumamos ao consumo masivo de pequenas informacións moi ligado á cultura do Twitter. Cando atopamos unha páxina grande en contidos, o primeiro que facemos é un botar un vistazo rápido da información que se nos presenta.
Sabendo isto, debes colocar o punto máis importante arriba de todo, outro punto importante na parte inferior e utilizar listas e numeracións para facilitar a comprensión da información.
Recomendaríache non xustificar os textos para facilitarlle ao ollo do lector o cambio de liña e utilizar moitos verbos de acción (e non tanto adxectivos) no comezo ou metade das oracións.
Comentarios ou testemuños como proba social
Por último, pero non menos importante, insire nas túas páxinas opinións ou citas dos teus clientes onde falen (para ben) do produto/servizo que ofreces e de como este lles axudou na súa vida ou nos seus proxectos.
Os testemuños aumenta a autoridade e a confianza ao teu lector. Non son para ti un factor fundamental cando mercas online, buscas unha habitación dun hotel por internet ou reservas nun restaurante? Pois na túa web funcionan exactamente igual.
Un testemuño ideal, baixo o meu punto de vista, debería ter máis de 100 palabras e contestar a algunhas cuestións como que fixeches por el e en que consistiu o traballo, que valora do servizo ofrecido, se lle axudaches a mellorar na súa vida ou negocio e se recomendaría os teus servizos.
Se se carece de testemuños, esa proba social sempre se pode conseguir aportando cifras do negocio, número de clientes, facturacións, vendas, marcas famosas que utilizan os teus servizos, etc.
Conclusión
Escribir os textos para as páxinas da túa web leva máis de 5 ou 10 minutos. Debes tomalo como algo importante, estar centrado á hora de realizalos e evitar as distraccións.
Se ademais tes un blog, estes consellos serás valiosos tamén para redactar as túas entradas, aos que terás que engadir outros dos que falaremos no futuro.
Aplica o sentido común, redacta como falas e non te ocultes detrás dunha carauta intentando escribir como unha personaxe que non es. Se ti mesmo, reflicte iso nos teus textos e non esquezas incluír algunhas palabras clave que te axuden co SEO nos buscadores.
Lémonos nos comentarios!