2022, un bo ano que preludia un gran cambio no negocio para 2023

(Votos: 3 Promedio: 5)

Outro artigo de avaliación de 2022 e de propósitos de 2023?

De verdade, outro máis?

Correcto. É.

Coa diferenza de que este é o meu.

Isto é o mesmo que cos servizos de deseño, formación ou consultoría web que ofrezo. Se das unha patada a unha pedra, saen 25 persoas que (din que) saben facer páxinas web.

Posiblemente utilicemos ferramentas moi similares, e seguramente moitos deles sexan bastante máis baratos ca min. Algún amiguete faracho de balde. E con todo, algúns de nós temos máis traballo do que podemos asumir.

Que fai que algo que parece o mesmo, realmente sexa distinto? A marca persoal.

Esa é a diferenza.

A que fai que este artigo sexa diferente a outros miles que a priori son similares.

En fin, que me lío.

Por certo, sabes que o día 4 de xaneiro fixen 5 anos como autónomo? Marabilla!

A ver, cóntame que tal ese 2022

Se abro o directorio onde vou gardando toda a información dos traballos nos que participo cada ano, en 2022 hai un total de 53 proxectos distintos, máis de 25.000 arquivos e 16GB de información.

Nin eu mesmo daba crédito cando consultei.

Como pode haber tantos arquivos?

Supoño que terei algunha copia de seguridade por aí metida. Duplicada ou triplicada, porque xa desde hai tempo decidín que os backups das webs que entrego están gardados baixo chave noutra localización.

O resto? Anotacións miñas, wireframes e material diverso.

Non todos os proxectos son remunerados, porque do contrario estaría nadando en euros. Nin sequera todos están rematados.

Algúns son simplemente ideas que tiven e aí quedaron. Abandonados. Agardando por unha mellor vida que non terán porque case seguro que nunca os retomarei.

Por exemplo, aquí unha serie de dominios que merquei este ano porque PATATAS e que teñen literalmente nada:

  • influencer.gal
  • necoras.gal (agardo poder utilizalo e non perder a pasta).
  • wp6.es
  • ayudakit.digital
  • cryptocrabs.pro (WTF!)
  • reinodegalicia.gal
  • reinomedieval.gal (estes dous últimos cedinos).

A tirar os cartos, coma se sobraran…

Outros son proxectos de clientes.

Proxectos que dimos vida logo dun intenso e (penso) exitoso traballo conxunto. Non é que o diga eu cun ego desmesuradamente grande. Dino elas/eles mesmos.

Bon, e ademais de páxinas web (completas ou traballos puntuais) e traballos de consultoría web fixen algunhas outras cousas. Alerta autobombo:

Supoño que máis cousas, pero xa non recordo.

Tamén presentei varios proxectos web a varias convocatorias públicas e axudas, e todos foron rexeitados.

Fixen un vídeo sobre Intelixencias Artificiais e como utilizar o galego nelas, o que (supoño) que me valeu ser finalista do concurso de YouTubeiras. Aínda non se coñece o gañador, así que polo momento toca agardar.

E tiven unhas reclamacións legais duns piratillas en fala.gal. Que, por certo, sigue aí dando guerra e aumentando sitios todos os días! Aínda non viches o sinxelo que é crear un sitio web gratuito e en galego alí? Pois dálle!

Finalmente, creo que o máis espectacular é que me tocou un sorteo no oitavo aniversario de Raiola Networks. De verdade, esas cousas pasan! Flipei.

Que aprendín en 2022

O primeiro, e máis importante, é que ofrecer servizos é ser escravo dun mesmo.

E con isto non quero expresar unha queixa nin nada semellante. Estou moi contento co meu traballo e gústame moito o que fago.

Mais ofrecer servizos como punto fundamental do negocio ten varias partes malas: pouca/nula escalabilidade, presión de traballar con moitos clientes e moi distintos, buscar novos clientes constantemente, etc.

Realmente é como traballar por conta allea mais sen traballar por conta allea.

Para o bo e para o malo.

O segundo importante é que teño que deixar de gastar tempo en cuestións accesorias e deitar todos os esforzos nun único propósito.

Si, antes deixei unha lista de dominios que eran ideas tolas que tiven.

E que menos mal que non saíron, xa que me quitarían moitísimo tempo.

Mais teño moitos outros que aí siguen quitándome tempo, e apartándome dese foco que debería ter.

Acórdome hai uns anos nunha sesión de mentoría, Alfonso Martínez (daquela o meu mentor, agora mesmo director da Cidade das TIC da Coruña) explicábame nun gráfico o punto de partida do meu proxecto, o punto ao que quería chegar e como implementar o camiño até el.

Desde aquela mellorei, mais creo que sigo sen punto de chegada.

En 2023, iso vai rematar.

O terceiro que teño que dicir é que sigo aprendendo moito. A cantidade de casuísticas e propostas de valor interesantes de clientes, de emprendedores que coñezo en eventos e de colegas de sector fai que vexa TANTAS oportunidades e TANTAS ideas en todos os sitios que moitas veces penso como é posible que non sexan moitas máis persoas quen se lanzan a intentar ter un futuro laboral de seu.

Polo demais, facturei un pouco máis que en 2022, máis que en 2021 e moito máis que en 2020. Pero cheguei bastante canso a finais de ano.

Cómpre unha reflexión sobre o xeito de ofrecer servizos e como quero que sexa o futuro.

Eu son autónomo porque:

  • Quero traballar do que me gusta (conseguido).
  • Quero gañar MÁIS diñeiro do que gañaría por conta allea (conseguido polo momento).
  • Quero traballar MENOS do que por conta allea (non conseguido).

Non quero ser desas persoas que romantizan a (auto)explotación.

Haille que por remedio xa.

Que quero facer para 2023

Creo que logo do comentado, os obxectivos son claros:

  • Traballar menos (intentando manter os niveis de ingresos).
  • Baixar o volume de servizos ofrecidos
  • Crear un produto dixital escalable que compense a baixada dos servizos e permita facturar máis traballando menos.

Para crear isto, preciso:

  • Segmentar moi ben o cliente obxectivo e a proposta de valor aportada.
  • Crear unha audiencia o máis parecida ao meu cliente obxectivo.
  • Lanzar o produto dixital.

Toda a miña forza neste 2023 irá aí e a atender aos clientes cos que actualmente teño compromisos nos próximos meses, que naturalmente manteño de xeito profesional até o final.

Se ides estando atentas e atentos ás miñas redes, iredes vendo como avanza a cousa ao longo dos meses. Téñoo máis ou menos planificado, a cousa agora e darlle para adiante.

Non poño nada de publicar máis neste blog ou subir vídeos á miña canle de YouTube, porque o blog non sei se o actualizarei algo (en 2022 subín 5 artigos e grazas) e en YouTube se o fago será parte da estratexia de captación para o produto dixital… así que para que poñer cousas que non vou cumprir?

O que si que me gustaría é ler un pouco máis, escoitar algún podcast máis e reflexionar un chisco máis tamén.

E a nivel persoal?

A ver, este é un blog de negocio así que non adoito poñer nada persoal, mais por se queres rexoubar algo pois o certo é que foi un bo ano a nivel persoal.

Pasáronme cousas que me fixeron moi feliz, como compartir a vida con alguén a quen quero, e agardo que así siga sendo no futuro.

Tamén decidín aprender a tocar o acordeón, e estou indo a aulas todas as semanas. Agardo ir mellorando. O certo é que me gusta bastante.

Outra cousa da que me din conta, e sendo totalmente honesto, creo que teño un problema con tanto móbil, tanto WhatsApp e tantas Redes Sociais. Debo intentar baixar o nivel de consumo das redes, nomeadamente das máis nocivas como TikTok ou Instagram, cuxos algoritmos están programados para facernos adictos ao seu sistema de recompensa instantánea.

Seguín facendo exercicio e retomei o ximnasio. A ver se dentro dun ano podo seguir dicindo o mesmo.

E de tantas horas traballando, aficioneime a escoitar podcasts sobre o estoicismo. Cada vez máis convencido de que a filosofía estoica fainos sacar o mellor que levamos dentro á hora de afrontar o malo da vida.

Ala, para finalizar algunhas fotiños que pode que vos gusten:

Os últimos artigos

Deixa un comentario



· Descarga agora a masterclass de balde ·

As claves dunha web profesional e rendible

Responsable:

Anxo Sánchez García (eu mesmo).
Tlf: (+34) 678 373 399.
Email: info(@)anxosanchez.com.

Finalidad:

Xestionar, atender e respostar a solicitudes de información ou calquera comunicación feita a través deste formulario.

Lexitimación:

Consentimento do usuario que fai uso da ferramenta.

Destinatarios:

Os datos que me envías están almacenados nos servidores de Raiola Networks. Podes ver aquí a súa política de privacidade.

Dereitos:

Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos.

Máis información:

Bótalle unha ollada á miña política de privacidade

Anxo Sánchez en formato tablet