Como configurar WooCommerce en WordPress. Administra a túa tenda online como un profesional

Configuracion avanzada en WooCommerce y WordPress
Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email
(Votos: 2 Promedio: 5)

Decidiches instalar WooCommerce no teu WordPress e fixéchelo sen ningún problema.

Tes claro que é o teu momento. Vas montar a túa tenda online porque queres dar o paso de vender por internet, sacar adiante o teu produto caralludo e así poder escalar a túa facturación.

Nada máis comezar dáste conta de que non todo é tan sinxelo.

Unha tenda online require tanta atención coma unha tenda física, coa diferenza de que non tes de limpala (fisicamente falando), non tes que pagar un aluguer e o teu escaparate é internet.

Pero si debes ter unha páxina web optimizada e funcional, has de elixir e pagar un bo aloxamento (hosting) e, do que imos tratar hoxe, tes que configurar correctamente todas as opcións do teu WooCommerce.

E con configuración, non só falo de subir produtos. De feito, non me refiro a iso, que será algo do que falemos proximamente.

Estou a falar de configuracións internas, dos datos da tenda, do stock, de envíos, de pagos, etc.

Adiante!

Opciones generales en WooCommerce
Vista das configuracións xerais de WooCommerce

Trocos destacados no teu WordPress ao instalar WooCommerce

Unha vez que tes instalado WooCommerce no teu WordPress, activado e realizado a configuración inicial, poderás ver dúas cousas destacadas.

Por unha banda, o sistema creou automaticamente catro páxinas: ‘Tenda’, ‘Carriño’, ‘Finalizar compra’ e ‘A miña conta’. Estas páxinas non debes borralas, porque teñen un sentido e unha tarefa fundamental no teu WooCommerce.

Doutra banda, poderás ver que na barra esquerda do panel de administración incluíronse dúas opcións máis: ‘WooCommerce’, con varias opcións dentro de configuración e xestión da tenda, e ‘Produtos’, onde podes manexar todo o que ten relación co que vas vender.

E como do que se trata é de comezar polo principio, neste artigo vou tratar todas as opcións de configuración da tenda que se atopan dentro de WooCommerce => Axustes.

Configuración xeral de WooCommerce

Nesta lapela podes configurar onde tes situado o teu negocio, os cupóns, os impostos, onde vende a túa tenda, onde envías os produtos e a moeda para utilizar.

  • Dirección: indica a dirección do teu negocio, sexa con tenda física ou non. Se o fas desde casa ou desde un almacén, coloca esa dirección.
  • Cidade: indica a cidade onde está situado o teu negocio.
  • País/rexión: o formato proposto é “estado / provincia” polo que, no meu caso, por exemplo, sería “España / A Coruña”.
  • Código postal: o que o seu propio nome indica. O código postal asociado á dirección que colocaches antes.
  • Localización(s) de venda: esta, e a seguinte, son dúas opcións moi importantes. Podes decidir a que estados do mundo vendes. Por razóns económicas, de organización ou de estratexia, pode non queiras vender globalmente, ou vendas a todos menos a algún estado específico, ou só ao teu… pódese configurar completamente.
  • Localización(s) de envío: podes decidir a que estados realizas envíos. Está relacionada coa opción anterior, pero debes configurala por separado. Podes vender a máis sitios dos que envías.
  • Localización do cliente: para que a tenda entenda automaticamente como tratar as opcións anteriores ten que saber onde está o cliente. Aquí poderás tentar xeolocalizalo para evitar que chegue ao final da compra, ou situalo mediante a dirección que o cliente insira como dirección de envío.
  • Activar impostos: podes (e debes) activar o cálculo dos impostos correspondentes no teu estado.
  • Activar cupóns: se desexas facer promocións de desconto controladas mediante cupóns, activa esta opción.
  • Moeda: dependendo do teu país debes seleccionar unha opción ou outra. No meu caso o Euro €.
  • Localización da moeda: coloca o símbolo de moeda á dereita ou á esquerda do número.
  • Separadores: decide como é o separador de milleiro e o separador decimal (un punto ou unha coma).
  • Número de decimais: como o seu nome indica é o número de decimais que aparecerán nos prezos dos produtos. Por norma xeral adoitan ter 2 decimais.
Opciones de moneda en WooCommerce
Opcións de moeda na configuración xeral de WooCommerce

Configuración de produtos en WooCommerce

Nesta lapela podemos ver que existe un pequeno menú na parte superior con tres opcións: xeral, inventario e produtos descargables.

Xeral

Poderás indicar a páxina da tenda, as medidas e as valoracións dos produtos.

  • Páxina da tenda: esta é unha opción moi importante. Aquí debes indicar cal é a páxina onde se situará a tenda, é dicir, por norma xeral onde se atopa o feed de produtos cos filtros correspondentes. Por defecto asígnase a páxina Tenda creada automaticamente ao instalar o plugin. A miña recomendación é que non a cambies, agás que saibas o que fas.
  • Comportamento do carriño: podes elixir o comportamento á hora de engadir un produto ao carriño. Dependerá da túa estratexia. Podes enviar aos clientes á páxina de pago ou deixar que sigan mercando.
  • Imaxe de marcador de posición: podes indicar o ID ou a URL dunha imaxe que se colocará nos produtos sen imaxe. Por defecto colócache unha que ten ID 5 e que se subiu automaticamente ao teu apartado de Medios.
  • Unidade de peso: indica a unidade de peso dos teus produtos. No meu caso adoito indicar gramos ou quilogramos. Depende do que vendas.
  • Unidade de dimensión: similar á anterior, pero coas dimensións. Adoita estar en centímetros.
  • Activar as valoracións: manexa correctamente as valoracións dos produtos porque é un recurso moi potente. Todos lemos as opinións doutros clientes á hora de adquirir un produto ou contratar un servizo. Dependendo da túa estratexia pódelas activar ou desactivar.
  • Opinións de produtos: configura se as valoracións van ir acompañadas dunha puntuación baseada en estrelas ou non.

Inventario

Apartado moi importante para as tendas que vendan produtos físicos, desde camisolas a libros, pasando por todo o que se che ocorra que non sexa un produto dixital, á hora de controlar o stock e non vender algo que nin tes nin vas poder enviar por dropshipping.

  • Xestionar o inventario: se desexas controlar o inventario, activa esta opción. Ten en conta que, se a deixas desactivada, as opcións que aparecen inmediatamente debaixo desaparecen.
  • Manter en inventario: existen pagos que non se confirman inmediatamente, polo que o produto queda ‘pendente de pago’. Podes configurar que tempo de reserva ten un pedido entre que se fai e agarda polo pago. Se pasa ese tempo a reserva finaliza e o pedido volve estar en stock. Atento, isto non aplica a métodos de pago non automáticos, como poden ser a transferencia ou o contra reembolso.
  • Avisos: selecciona que eventos relacionados co stock queres que che notifiquen.
  • Destinatario dos avisos: indica o email onde se deben enviar os avisos. Por norma xeral, por defecto aparece o mesmo email que ten o administrador do WordPress. Pódelo cambiar se é necesario.
  • Limiar de poucas existencias: stock no que saltará o aviso de poucas existencias.
  • Limiar de inventario esgotado: stock no que saltará o aviso de produto esgotado. Pode non ser cero.
  • Visibilidade de inventario esgotado: se non desexas que se mostre un produto esgotado no inventario, pódelo ocultar. Pode ser bo ou non para a túa estratexia, ti decides.
  • Formato de visualización: mostra ou oculta o inventario restante aos teus clientes.
Configuración de inventario en WooCommerce
Opción de inventario en WooCommerce. Esta é unha das configuracións máis importantes.

Produtos descargables

Se tes produtos dixitais na túa tenda, por exemplo ebooks, podes configurar o seu comportamento aquí.

  • Xeito de descarga: ao comprar o produto podes configurar o comportamento de como o vai descargar o cliente. Por defecto forza a descarga, pero nalgúns servidores pode non funcionar ben con arquivos grandes e terás que optar por outra opción.
  • Restrición de acceso: podes permitir a descarga nada máis realizar a compra e que a ela poidan acceder usuarios convidados (ou pola contra obrigar a que se rexistren).

Configuración de envío en WooCommerce

Configurar correctamente os envíos na túa tenda en liña con WooCommerce é fundamental, xa que diso vai depender que chegue ou que non chegue o produto ao seu destino, ademais de aplicarlles diferentes tipos de envío.

Ao acceder a esta pestana atopámonos con 3 opcións nun menú interior: Zonas de envío, opcións do envío e clases de envío.

Zonas de envío en WooCommerce

Unha zona de envío non é máis que unha área xeográfica onde desexas ofrecer diferentes métodos de envío. Automaticamente WooCommerce detectará a área que lle corresponde ao cliente cando este indique a súa dirección de envío, e mostraralle as opcións dispoñibles para esa zona.

Por defecto non existe ningunha zona configurada, pero ti debes engadir as que precises.

Por poñer un exemplo típico, se indicaches nas opcións xerais que a túa tenda só vende a España e Portugal, nese caso poderías crear unha zona para “España Peninsular”, outra para “Baleares, Ceuta e Melilla”, unha terceira para “Canarias” e por último outra para “Portugal”.

Cada unha delas poderá ter diferentes tipos de tarifas de envío, coherentemente co que cobran as empresas de mensaxería.

Se engades unha nova zona terás que encher os seguintes campos:

  • Nome da zona: unha etiqueta que identifique á zona correspondente.
  • Rexións da zona: debes indicar que lugares xeográficos inclúe a túa zona. Podes seleccionar provincias, estados e mesmo códigos postais.
  • Métodos de envío: podes engadir múltiples métodos de envío que serán exclusivos para esa zona. Por exemplo, unha recollida en local por 0€, un envío a domicilio ordinario por unha cantidade e un envío express por outra cantidade máis elevada.

Como podes ver, é un funcionamento básico, pero suficiente para a maioría das tendas de emprendedores ou pequenas empresas.

Zona de envío en WooCommerce
Exemplo de creación dunha zona de envío para a provincia de A Coruña, con envío de balde.

Opcións do envío

O seguinte a configurar serán unhas opcións básicas sobre os envíos.

  • Cálculos: indica onde se deben realizar os cálculos do envío. Pódense realizar na páxina do carriño ou agárdase a que o cliente meta a súa dirección no checkout (páxina de pago).
  • Destino do envío: por defecto o envío faise á dirección de facturación do cliente, e nela calcúlanse os custos. O cliente podería seleccionar no checkout envialo a unha dirección diferente. Se por estratexia compénsache non permitir direccións distintas tamén o podes facer.
  • Depuración: se queres facer probas e que se mostren todas as zonas de envío independentemente da localización do cliente, activa esta opción.

Clases de envío

Se desexas agrupar produtos de tipo similar e que poidan utilizar algún método de envío concreto, para proporcionar diferentes tarifas a diferentes clases de produtos, pódelo facer aquí.

Simplemente indica o nome da clase e a que produtos afecta.

Configuración de pagos en WooCommerce

Chegamos a unha das opcións máis complexas de configurar e máis importantes da túa tenda online.

Como pagan os teus clientes? Que tipo de métodos están máis optimizados para o teu cliente ideal?

Aquí darei unha serie de pinceladas, pero para ver como se configura cada método en particular, publicarei nos próximos días un novo artigo onde mostro todas as opcións.

Pensa que, nalgúns casos como Paypal, cargos contra tarxetas, Google Pay ou Apple Pay necesítase conectar con servizos externos, o que nos obriga a manexar claves de terceiros. Se o explicase aquí todo, esta entrada sobre as configuracións avanzadas de WooCommerce faríase quilométrica.

Como podes ver se non cambias nada non existe ningún método de pago activo por defecto, e as opcións que se che mostran nun inicio son transferencia bancaria, pago por cheque, contra reembolso e Paypal.

Se queres vender, tes que ter activo polo menos un método de pago. Iso conséguese facendo clic encima dos botóns da columna ‘Activado’ ou entrando na configuración propia de cada método no seu correspondente botón de ‘Configuración’.

Por exemplo, se queres activar a transferencia bancaria, que sería un método que aínda se utiliza amplamente e non necesitas máis que unha conta bancaria onde o cliente poida ingresar o importe do seu produto, fai clic no seu botón de ‘Configuración’.

A continuación, WordPress mostrará as opcións do pago por transferencia bancaria.

Pódela activar ou desactivar, indicar un título, unha descrición, as instrucións para o cliente (de ser precisas) e, polo menos, un titular e o IBAN da conta bancaria.

Ten en conta que os campos título, descrición e instrucións son públicos, veraos o cliente e a ti interésache que sexa así, para configurar os mellores textos que expliquen ao teu comprador o que está a facer e así el estea tranquilo.

Métodos de pago en WooCommerce
Métodos de pago por defecto na instalación de WooCommerce. Cando engadas máis, a lista será máis grande.

Configuración de contas de usuario e privacidade

Unha vez que configuraches o envío e o pago dos produtos, debes decidir como manexar as contas de usuario.

WooCommerce por defecto incorpora unha zona privada de usuarios, onde o teu cliente pode rexistrarse e configurar diferentes opcións como os seus datos persoais, a súa dirección de facturación, de envío ou descargar as facturas das súas compras.

Pero depende da túa estratexia comercial, e da tipoloxía dos teus clientes obxectivos, a necesidade e conveniencia (ou non) de activar estas opcións.

  • Pago como convidado: permite (ou non) que os teus clientes compren sen ter unha conta e, de ter conta, ter a posibilidade de entrar na mesma ao finalizar a súa compra. Dependendo da túa estratexia de vendas, activaralo ou non.
  • Creación de conta: permite manexar a creación de contas de usuario e o contrasinal das mesmas. Como no caso anterior, dependerá da estratexia de vendas configurar o funcionamento desta opción.
  • Solicitudes de borrado da conta e eliminación de datos persoais: permite aos usuarios eliminar a información e os pedidos da súa conta, de tela, ou non.

Política de privacidade

Aínda que moitas veces non se lle dá a importancia que realmente ten, non esquezas que esta opción é indispensable para o cumprimento estrito da legalidade.

Debes indicar cal é a páxina que contén a política de privacidade da túa tenda online e, ademais, redactar os avisos de privacidade que os usuarios lerán ao rexistrar a súa conta e ao realizar unha compra.

Para evitar sancións por parte da administración competente, é importante que cumpras con todas as directrices do RGPD.

Conservación de datos persoais

Elixe canto tempo se van manter os datos persoais cando xa non sexa preciso procesalos. Se non marcas un intervalo de tempo, nunca se borrarán.

En concreto poderás elixir que facer cos datos de pedidos pendentes, errados, cancelados ou completados, ademais das contas inactivas.

Na miña opinión, agás que a túa tenda sexa inmensa e a cantidade de datos inmanexable, non os borraría.

Configuración de emails a clientes en WooCommerce

Ter aos teus clientes informados puntualmente de estado dos seus pedidos é fundamental para dar un servizo minimamente eficaz e que o teu comprador non estea intranquilo sobre onde e como está o seu pedido.

Nesta lapela poderás configurar o comportamento dos avisos por email que a túa tenda online envía de xeito automático ao cliente e ao correo do administrador da tenda que ti decidas.

Por defecto WooCommerce incorpora un deseño de correos bastante sinxelo, que se atopa no directorio woocommerce/templates/emails/. Podes modificar este deseño e adaptalo ao teu gusto copiando o contido do mesmo ao teu tema de WordPress e modificándoo desde alí.

Antes de entrar en materia e ver os diferentes tipos de correos electrónicos, quero deixar claro un concepto importante neste punto.

Cando un cliente realiza unha compra, créase un novo pedido. Ese pedido toma un estado concreto, indicando se foi correcto ou non, se se pagou ou non, ou se se completou ou non.

Todos os pedidos teñen sempre un estado.

Segundo o estado e o destinatario, pódense enviar os seguintes emails:

  • Novo pedido: unha vez que se realiza un novo pedido no teu WooCommerce, envíase un email ao administrador da tenda (ou ao email que ti queiras) indicando tal evento. Podes configurar o título, o asunto ou incluír diferente contido.
  • Pedido cancelado: outro correo electrónico que se enviará ao administrador da tenda, podendo configurar os mesmos campos que no anterior. Sae automaticamente cando un pedido que estaba ‘procesando’ ou ‘á espera’ se marca como cancelado.
  • Pedido errado: un último email que recibirá o administrador da tenda. Se un pedido, que previamente estaba marcado como ‘procesando’ ou ‘á espera’ se marca como errado, enviarase automaticamente este email. Os campos para configurar son semellantes aos dous anteriores.
  • Pedido á espera: cando un cliente fai un pedido sobre o que non se realiza o cobro de xeito automático, tomará o estado de ‘á espera’. O máis común nestes casos é que a tenda estea a agardar por un pago vía transferencia bancaria. Unha vez que o pago se realiza, hai que cambiar manualmente de estado a ‘procesando’.
  • Procesando o teu pedido: unha vez realizado o pago o pedido pasa ao estado ‘procesando’. WooCommerce faino automaticamente se o pago se realiza cunha ferramenta de confirmación instantánea, por exemplo unha tarxeta de débito/crédito ou Paypal, ou se debe cambiar manualmente se se trata dunha transferencia. Indícaselle ao cliente vía email todos os datos da súa compra.
  • Pedido completado: cando o estado do pedido cambia manualmente a ‘completado’, envíaselle ao cliente un aviso de que ocorreu tal evento.
  • Pedido con reembolso: aviso que se lle envía ao cliente se o seu pedido foi reembolsado parcial ou totalmente.
  • Recibo do cliente / detalles do pedido: é o único de todos os emails predeterminados que non se pode automatizar. É un envío manual. Este email contén a información do pedido e ligazóns para realizar o pago.
  • Nota para o cliente: en cada pedido é posible realizar anotacións que se lle enviarán ao cliente se así o decides.
  • Restablecer contrasinal: se un usuario esquece o contrasinal de usuario da súa conta na túa tenda online, poderáa recuperar a través deste correo electrónico.
  • Nova conta: ao rexistrarse un novo usuario na túa tenda en liña, chegaralle un email coa información pertinente.

Opcións do remitente do correo electrónico

  • Nome do remitente: podes configurar o nome que aparecerá nos emails que envía o teu WooCommerce.
  • Dirección do remitente: podes configurar tamén a dirección de email que aparece como remitente dos teus correos. Por defecto será a do administrador do WordPress.
Opciones de remitente de correo electrónico en WooCommerce
Recorda configurar ben o email do remitente e o nome da túa tenda.

Tema do correo electrónico

  • Imaxe de cabeceira: para construír algo de marca nos correos a clientes, podes engadir unha imaxe (habitualmente o teu logotipo) na cabeceira do email.
  • Texto do pé de páxina: é o texto que pecha o email. Por defecto trae créditos de WooCommerce. Eu recomendo borrar esa frase e configurar unha que se adapte ao teu tipo de tenda.
  • Cores: configura as cores do email e adáptaos ás túas cores corporativas.

Outras configuracións de WooCommerce

Se estás a montar a túa tenda online e non es un usuario avanzado, as opcións que veñen indicadas na lapela  ‘Avanzadas’ deberás deixalas por defecto. Aínda así quero dar unhas pinceladas sobre elas para que non che sexan completamente alleas e entendas que podes facer con elas.

Instalación de páxinas

Neste apartado tes a posibilidade de indicar que páxinas do teu WooCommerce son as do carriño, o checkout, a conta de usuario e os termos e condicións.

Como podes ver, algunhas xa veñen marcadas por defecto, que casualmente son as que se crearon automaticamente ao instalar WooCommerce no teu WordPress. Pero poderías cambialas, se así o decides polas razóns que sexan.

A única modificación que che recomendo facer é indicar cal é a páxina de ‘Termos e condicións’, unha páxina legal precisa nas tendas online que o usuario debe aceptar cando realiza unha compra.

O resto de opcións son variables que se engaden á URL da túa páxina e que realizan accións concretas. Deben ser únicas e poden borrarse para desactivar esa variable. O meu consello é que as deixes por defecto.

API REST

Se fose precisa a conexión de aplicacións externas para a visualización e a xestión dos datos da túa tenda online, deberías crear unha clave API (unha API é un conxunto de funcións ou métodos programados que ofrece unha biblioteca de programación e que poden ser utilizados por terceiros) válida para que se puidese realizar. Simplemente debes seleccionar a opción ‘Engadir Clave’ e indicar nome, propietario das claves e permisos.

Así crearás unha clave pública e unha clave segreda que servirán para a conexión desde unha aplicación externa.

Webhooks

Un webhook é un aviso de evento enviado a unha URL da túa elección. Pódense usar para integrar aplicacións de terceiros que sexan compatibles con eles.

Se queres crear un novo webhook debes indicar o nome, o estado, o tema (unha serie de opcións que poida realizar), a URL destino e as claves API.

API Herdada

A REST API herdada é unha API que permite que outras aplicacións externas utilicen os métodos da nosa biblioteca de WooCommerce.

Por defecto vén desactivada e debes deixala así agás que se precise activar por unha cuestión concreta.

Woocommerce.com

Non quero entrar en polémicas con Woocommerce.com, Automattic e por que está esta opción aquí, xa que baixo o meu punto de vista non debería estar.

O meu consello é que desactives a opción de suxestións, porque as extensións que son útiles para a túa web tes que decidilas ti e ninguén debe meter consellos encubertos no teu WooCommerce.

Conclusión

Falei neste artigo de todas as opcións de configuración presentes nunha instalación típica e limpa de WooCommerce.

Ten en conta que pode que na túa web teñas máis no futuro, porque aínda non instalamos ningunha extensión que amplíe, de xeito notable, as funcións e características da túa tenda online.

En todo caso, podes ver que son moi potentes e moi importantes. Débelas ter en conta se queres que a túa tenda funcione de xeito correcto desde o principio.

Na próxima entrega falareite en profundidade de como configurar as diferentes pasarelas de pago.

Fica atento.

Léote nos comentarios 😊

Comparte :)

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email

Deixa un comentario



Isto é para ti!