fbpx

Crear categorías en WordPress. Diferenzas entre categorías e etiquetas.

Principal categorías etiquetas WordPress
Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email

Hoxe voume centrar nun tema básico sobre o funcionamento e a organización do teu blogue en WordPress, mais que nalgún intre nos trouxo de cabeza a todas e todos.

Non é outro que como e para que crear categorías en WordPress, se son necesarias para o teu blogue e como se poden diferenciar das etiquetas.

Seguro que a ti tamén che xeraron inquedanza nalgún momento.

É normal.

Porque todos sabemos que existen, mesmo escoitamos que a correcta utilización das mesmas é recomendable e beneficioso, pero á hora da verdade utilízanse máis por intuición que por estratexia reflexionada.

Vou contar como utilizar as categorías e as etiquetas en WordPress para que teñas un blogue organizado e con iso poidas mellorar a xestión dos teus contidos.

Porque… non estarás a utilizar a categoría sen-categoría, verdade?

Alá imos

Que son as categorías en WordPress?

Colle un lapis, un papel e apunta, porque antes de meternos de cheo a falar de que é unha categoría e como se usa, imos aprender outro concepto.

As taxonomías.

Denomínanse taxonomías en WordPress ás categorías e ás etiquetas presentes no teu blogue.

É dicir, as taxonomías axúdanche a organizar e clasificar o contido para que se poidan establecer asociacións lineais ou xerárquicas. Así, ao usuario élle moito máis sinxelo ir á información que lle interesa.

Vaia, que che poden axudar unha chea se as sabes utilizar ben e o teu blogue ten moitos artigos.

En concreto, unha categoría permíteche definir as seccións para os contidos do teu blogue e agrupar as entradas relacionadas segundo os temas que tratan.

A súa principal característica é que son xerárquicas, é dicir, unha categoría pode ter subcategorías (que representarían subseccións no blogue).

Póñoche un exemplo.

Podes ter un blogue de animais domésticos onde fales de cans, gatos, peixes, etc. Esas serían as categorías sobre as que vas escribir os teus artigos. Os alicerces do edificio.

Se queres ser máis específico, podes crear subcategorías xerárquicas de cans domésticos como Pug, Beagle, Bichón Frisé, etc.

Isto axudará ao usuario e a Google a entender o noso blogue, facilita a procura de información e a navegación.

Como crear categorías en WordPress?

Antes de comezar o choio e crear as categorías en WordPress,  para uns minutos para reflexionar sobre a túa estratexia.

Cantas categorías vas usar? De que vas falar?

A miña recomendación é que cantas menos, mellor. Non é coherente ter 15 categorías e un artigo en cada unha delas. Seguro que algo está mal planificado aí.

Se tes un blogue onde vas escribir contidos moi habitualmente, pensa que estas seccións principais serán en torno ao intervalo 5-10 categorías. Debe estar xustificado o seu uso, deben ser visibles, guiar ao usuario e axudar co posicionamento.

Agora que xa sabes que categorías utilizar, abre o administrador de WordPress e desde a barra da esquerda accede a Entradas -> Categorías e engade tantas como precises.

Debes completar:

  • Nome: indica o nome da categoría. Se continuamos co exemplo de cans domésticos, podería ser “Bichón Frisé”.
  • Slug: é a URL, a dirección da categoría. A miña recomendación é que sexa lexible e amigable, como deben ser tamén as URL’ s das entradas do teu blogue ou as páxinas da túa web. É dicir, que non sexa moi longa, que non conteña caracteres estraños e que estea relacionada co tema para tratar. Por exemplo, o  SLUG podería ser /bichon-frise/.
  • Categoría superior: grazas a esta opción, podes crear subcategorías. Se pensas no esquema sobre o que estás a traballar (os animais domésticos), a categoría superior a Bichón Frisé debe ser “Cans”, polo que a URL final sería algo así [dominio. com]/cans/bichon-frise/. Sinxelo, non?
  • Descrición: inclúe unha descrición detallada da categoría en cuestión, sen esquecer incluír certas palabras crave que a identifiquen.

Elimina a categoría “sen categoría”

Por defecto fíxate que WordPress incorpora unha categoría, denominada “sen categoría”.

Todas as entradas que redactes, se non realizas ningún cambio, asignaranse automaticamente a esa categoría, a non ser que crees outra e a cambies a man en cada entrada do blogue.

Para evitar esa asignación automática e poder eliminar a categoría “sen categoría”, pois non achega absolutamente nada, tes que establecer outra como predeterminada.

Para isto, debes acceder desde a barra lateral esquerda á opción Axustes -> Escritura e na opción “Categoría predeterminada para as entradas” escoller outra de entre as que aparecen na caixa.

Garda os cambios, non te esquezas.

Volve á pantalla de categorías. Como viches, podes acceder a ela desde a barra lateral esquerda Entradas -> Categorías e borra “sen categoría”.

Que son as etiquetas?

As etiquetas son un tipo de taxonomía usada principalmente para organizar contidos por detalles específicos, e poden estar presentes en entradas de diferente categoría.

Imaxínaas como palabras creadas nese momento, sen planificación previa, e que identifican algún tipo de información importante do artigo en cuestión.

Poden ser ningunha, unha ou moitas por cada entrada e non son xerárquicas.

Póñoche un exemplo co esquema de animais domésticos sobre o que estamos a traballar. Poden existir multitude de etiquetas que unan diferentes artigos de categorías distintas, pero con información relacionada como “alimentación”, “pelo”, “coidados”, “educación”, etc.

Pero ollo, aínda que podes poñer tantas como queiras, tampouco te pases.

O seu traballo consiste en relacionar adecuadamente os temas. Se unha entrada está chea de etiquetas, non valerán de nada ao lector.

Ah, non son obrigatorias e non existe unha etiqueta por defecto. Sen ir máis lonxe, no meu blogue non teño posta ningunha.

Diferenzas entre categorías e etiquetas en WordPress.

Creo que máis ou menos xa o vas pillando, non?

A primeira diferenza é o seu propósito.

As categorías son xerárquicas e deben ser planificadas de ante man.

Deben formar parte da túa estratexia, só se coloca unha por entrada e van definir as seccións principais do teu blogue. Son moi visibles e podémolas optimizar para o SEO.

As etiquetas, pola contra, son secundarias. Podes poñer varias ou non poñer ningunha. Indicarémoslle a Google que pase delas e pódelas ir improvisando.

Aínda así, hai unha cousa que lles une: só se utilizan en entradas do blogue e nunca en páxinas.

Optimización SEO de categorías e etiquetas

O que vou presentar a continuación é a miña opinión persoal, pois a indexación de categorías e etiquetas (e de como facelo) dá para moito e é un debate longo entre deseñadores e SEO’s.

Aínda así, vou deixar unha primeira idea e logo imos desenvolvela brevemente para que vexas de que falo.

As etiquetas xamais se indexarán. Utilizaremos o plugin de SEO correspondente para  deshabilitalas (por exemplo, Yoast) ou editando o arquivo robots.txt.

Non recomendo a súa indexación porque por cada etiqueta se crea unha páxina que contén as entradas asociadas a ela. Ao ser utilizadas en múltiples artigos, todos eles aparecerán nas diferentes páxinas de cada etiqueta xerando contido duplicado.

Que non é que vaian eliminar o teu blogue de Google por ter contido duplicado nas etiquetas, pero vaia, que non beneficia en nada e é mellor curarse en saúde.

E as categorías? Pois si, pódense indexar tendo coidado que só teña unha categoría cada entrada para evitar as duplicidades.

E poderías aplicar algunhas optimizacións:

  • Utilizar o teu plugin de SEO (falamos de Yoast ou doutros, hai varios) para optimizar o metatítulo e a metadescripción da categoría.
  • Colocar como categoría as palabras claves xerais de temas que desexas posicionar.
  • Redactar unha descrición da categoría que sexa relevante (falei dela algo máis arriba 😉).
  • Utilizar a páxina da categoría na túa estratexia de enlazado interno.

Conclusión

Se chegaches até aquí agardo que resolveras algunha das túas dúbidas.

As categorías e as etiquetas son unha forma moi boa de organizar o teu blogue, se sabes como.

Pensa antes de usalas, e sobre todo non poñas de máis. Se te queres equivocar, mellor que sexa de menos.

Lémonos nos comentarios.

Comparte :)

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email

Deixa un comentario



2 comentarios

  1. Boas e ¡noraboa polo artigo que está moi ben!

    Vexo que recomendas só 1 categoría por artigo e eu comecei a poñer máis de unha por diversos motivos. ¿Penalízame isto en google? ¿É algo que non recomendarías facer?

    ¡Graciñas! Un saúdo

    • Moi boas, Iago.

      Baixo a miña opinión creo que só compensa asignar varias categorías a unha entrada se isto axuda a encontrar o contido específico ao usuario de forma sinxela. Se son unhas poucas entradas tampouco pasa nada, se ao mellor hai entradas con moitas categorías asignadas quizais teña senso crear algún tipo de estrutura de categoría-subcategoría, polo tema de problemas de organización.

      Por outra banda, poden xerar contido duplicado, pois por cada categoría hai unha páxina que lista as entradas desa categoría. Se afecta ou non, hai debate sobre iso, mais acho que para curarse en saúde podes utilizar YOAST SEO para evitar a indexación das páxinas de categoría desde Apariencia na Búsqueda -> Taxonomías.

      Se fas isto último e ter unha entrada en varias categorías axuda na organización, baixo a miña opinión non ten nada de malo. Ao mellor até é positivo.

      Un saúdo!!

Isto é para ti!