3 xeitos de instalar e activar un tema en WordPress

Como instalar un tema en WordPress
Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email

Vou confesar que este artigo non era para hoxe.

A miña intención era publicar unha completa guía de Gutenberg, o novo editor de bloques de WordPress. Estou traballando arreo nela, sairá nas próximas semanas e estou seguro que vos vai gustar. Estade atent@s!

Aínda así, non marches.

Recordas cando instalamos WordPress? Pois unha vez feito iso debes elixir a parte visual da páxina web, é dicir, o tema (ou plantilla). O que ven os usuarios, a cara da túa web, que ti debes deseñar e configurar.

Existen miles de temas para WordPress, para todos os gustos. Hainos de todas as formas, cores e tamaños. Hainos de balde e de pago. Hainos optimizados e pesados. Hainos… en fin, é imposible que non atopes algún que non encaixe contigo.

Acompáñasme aprender como se instalan os temas en WordPress?

Non vas crer o sinxelo que é. E como existen varias opcións, ímolas repasar.

Imos alá!

Como afecta un tema (ou plantilla) ao funcionamento da web

Un tema está composto por unha serie de arquivos que conteñen a información precisa para que o sitio web se mostre dun determinado xeito con fondos, tipografías concretas, cores escollidas, o logo da túa empresa, etc.

A elección dun ou doutro tema vai supor un factor fundamental para que a web cargue rápido, mostre a información que ti queiras, como ti queiras e adaptada perfectamente ás necesidades ou características do teu lector.

De xeito esquemático debes ter en conta que a adaptación a todas as pantallas (o que comunmente se denomina responsive) vai depender da plantilla que elixas para construír a túa web.

É imprescindible que a web estea adaptada a todos os dispositivos. É fundamental o deseño correcto de menús, barras laterais ou pés de páxina.

Debe ser un tema lixeiro, sen elementos superfluos que sobrecarguen a web. A velocidade de carga e a optimización son factores de gran importancia para unha páxina profesional.

As actualizacións para a mellora no funcionamento ou a seguridade deben ser periódicas. O tema non pode estar abandonado porque isto repercutirá de xeito negativo e abriralle a porta a que acabes coa web infectada por código malicioso.

E se ten soporte, mellor que mellor!

En definitiva, como podes ver, estas son só algunhas das cuestións sobre as que debes ter tino cando escollas o tema.

Mais a idea era saber instalalo, non?

Subir tema desde o teu PC utilizando FTP

O primeiro xeito que imos repasar é a posibilidade de subir o tema mediante un FTP.

Se queres ver como se utiliza un FTP para subir arquivos en WordPress podes pasar pola guia de como instalar WordPress e alí explícoo.

Para subir un tema ao noso hosting, en primeiro lugar temos que elixilo e descargalo no noso ordenador.

Para isto accedemos ao repositorio oficial de temas de WordPress, á páxina de autor do tema que queras utilizar (por exemplo eu utilizo Generate Press), a Themeforest ou a calqueira lugar onde podas obter plantillas de WordPress.

Elixe o tema que mellor encaixe co teu proxecto e descárgao.

Como instalar un tema en WordPress

Vou utilizar Twenty Nineteen, un tema básico desenvolto polo equipo de WordPress.

Descargarase no teu equipo un arquivo comprimido en formato ZIP. Descomprímeo e ábreo. Verás todos os arquivos que forman parte do tema. Todo o código que o fai funcionar está neses arquivos, e para desenvolvementos web avanzados haberá que modificalos.

Se queres ter máis información sobre o tema que estás a utilizar, podes ler o arquivo readme.txt, que está presente na maior parte das plantillas dispoñibles.

A continuación abre o Filezilla ou outro programa que permita as conexións vía FTP.

Como instalar un tema en WordPress

Sitúate na carpeta /wp-content/themes e arrastra nela a carpeta enteira do teu tema.

Como instalar un tema en WordPress

Unha vez rematada a subida, vai ao panel de administración de WordPress e na opción Apariencia -> Temas aparecerá o tema que acabas de subir. Desde esa mesma pantalla podes proceder a activalo.

Instalar tema desde o panel de administración de WordPress

Un xeito moito máis sinxelo para instalar temas en WordPress sería facelo desde o propio panel de administración.

Aínda que debes ter en conta que esta opción só serve para os temas subidos no repositorio oficial de WordPress.

Como instalar un tema en WordPress

Na opción Apariencia -> Temas -> Engadir Novo podes ver que aparecen unha serie de temas destacados, un filtro e unha búsqueda para que sexa moi sinxelo dar co tema que mellor se adapte as túas necesidades.

Podes utilizar todos os filtros que queras.

  • Por temática: blog, ecommerce, educación, entretemento, vacacións, fotografía, etc.
  • Por características: entrada fixa, imaxes destacadas, logotipo personalizado, fondos personalizados, etc.
  • Por deseño de pantalla: unha columna, dúas columnas, barra lateral á esquerda ou á dereita, etc.
Como instalar un tema en WordPress

Unha vez elixas un, clica enriba del e pulsa instalar.

Xa terías o tema elixido instalado, simplemente deberás activalo desde o mesmo lugar que o falado no apartado anterior.

Subir tema desde o teu PC sen utilizar FTP

Quizais este sexa o xeito máis óptimo e é o que utilizo eu.

Podes subir un tema desde o teu PC sen utilizar FTP, facendo uso simplemente das ferramentas das que dispón o panel de administración de WordPress.

Este método permite instalar calquer tipo de tema, aínda que non estea no repositorio oficial de WordPress, e non debes ter no teu PC ningún programa como o Filezilla.

Sitúate no panel de administración de WordPress e vai á opción Apariencia -> Temas -> Engadir Temas e pulsa en Subir Tema.

Como instalar un tema en WordPress

Como o propio WordPress indica, debes subir o arquivo comprimido, tal e como o descargues do repositorio oficial de WordPress ou da páxina do programador do tema. Elíxeo e pulsa instalar agora.

Se todo foi ben, poderás activalo.

Conclusións

Como ves, existen diferentes formas de instalar un tema en WordPress. Cada unha mais sinxela que a anterior.

Podes subir e instalar tantos temas como desexes. Colle un espazo onde xogar co WordPress un pouco e proba unha e outra vez até ter unha idea máis ou menos clara de que fai cada tema.

Unha vez instalado, terás que proceder a configurar o teu tema, pero iso xa da para outro artigo.

Vémonos nos comentarios!

Comparte :)

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email

Deixa un comentario

Isto é para ti!