Hai unhas semanas falabamos de por que WordPress é a mellor opción coa que realizar a túa páxina web, e de por que o 33% dos portais do mundo se moven grazas a esta elección.
Sobre WordPress construímos toda a nosa estrutura. Deseñamos as páxinas, escribimos e ordenamos as entradas, colocamos os textos nas páxinas da túa web, as fotos e innumerables extensións que fan que a nosa web sexa atractiva e profesional.
Pero antes de comezar co deseño, temos que instalar WordPress no noso servidor, e por iso escribo este titorial.
Avísoche que todas as capturas de pantalla están realizadas sobre os meus hosting que utilizan CPanel.
Abordaremos 3 xeitos de facelo, estás preparado?
Alá imos!
WordPress.org VS WordPress.com
Antes de entrar propiamente na guía sobre como instalar WordPress vou explicar a diferencia entre wordpress.org e wordpress.com, que son os dous primeiros resultados que aparecen en Google cando buscas WordPress, mesmo por enriba da Wikipedia.
Cando falamos de WorpPress a secas adoitamos falar de WordPress.org. Nesta páxina o que atopamos e podemos descargar é o código fonte de WordPress que se utiliza para instalalo no hosting e montar o sitio web.
Dito doutro xeito, é o lugar desde onde descargamos gratuítamente os arquivos que conteñen a programación, o software, o core, de WordPress.
Pola contra, WordPress.com é unha plataforma online onde ti podes construír unha web ou un blog, ben de xeito gratuíto (os coñecidos blogs o-teu-nome.wordpress.com) ou pagando por un espazo de hosting nos seus servidores.
É dicir, é unha empresa onde podes crear a túa web a cambio dun pago anual.
Existen moitas diferenzas que explican de xeito fundamental por que nós imos utilizar sempre wordpress.org, pero iso xa é materia doutra entrada.
Instalar WordPress por FTP
O FTP (ou protocolo de transferencia de arquivos) é un protocolo que serve para a transferencia de arquivos conectados na rede baseado no modelo cliente-servidor.
É dicir, un usuario conéctase a un servidor para enviar ou descargar arquivos.
E para realizar esa conexión eu utilizo o programa Filezilla, que se pode obter de xeito gratuíto.
Elixe o dominio ou subdominio onde vas realizar a instalación
Nesta guía creo un subdominio onde subir os arquivos que previamente descargamos de WordPress.org, e no cal realizar a instalación.
É importante que teñas claro onde vas instalar WordPress, porque diso dependerá o lugar ao que subas os arquivos. O servidor funciona como se das carpetas de Windows se tratase. Pénsao así cando teñas que xestionar arquivos e carpetas vía FTP.
Crea unha base de datos e un usuario asociado
Debes crear unha base de datos cun nome significativo e un usuario ao que asignarlle privilexios nesa base de datos.
Ambos adoitan facerse desde a mesma pantalla.
Instalación de WordPress
Abre o Filezilla e escribe o usuario e a contrasinal da conexión FTP. Por defecto xa existe un usuario FTP, que podes atopar entrando na opción “Cuentas FTP” (ou enunciado similar) do CPanel do teu hosting.
1. Barra de conexión. Debes indicar o servidor (adoita ser ftp.dominio.com), o nome do usuario FTP e a contrasinal. O porto por defecto é o 21.
2. Fiestra local. Neste apartado aparecen os arquivos que están no teu equipo. Debes seleccionar os que queres subir e arrastralos á fiestra 3.
3. Fiestra de servidor. Aquí aparecen os arquivos que están aloxados no servidor.
Unha vez a subida dos arquivos rematou, debes entrar na web desde o navegador.
E sairá unha imaxe como a que podes ver arriba. Nela debes indicar o nome da base de datos que acabas de crear, o usuario asociado, a contrasinal, o servidor (adoita ser localhost) e escribir un prefixo de táboa (non se recomenda que sexa wp_).
Se os datos son correctos, pasarás a unha nova pantalla onde debes indicar o nome do sitio (podes cambialo máis adiante) e crear o usuario co que entrarás (e será o administrador da páxina).
Pulsa instalar e xa terás WordPress totalmente preparado no teu servidor.
Non é difícil, pero aínda o podemos facer máis sinxelo, como vemos a continuación.
Instalar WordPress en SiteGround (con Softaculous)
Softaculous é unha aplicación que autoinstala decenas de aplicacións como WordPress, Joomla, phpBB ou Prestashop só cun clic, e que SiteGround integra no seu servizo de aloxamento web.
Nunha mesma pantalla debes:
- Seleccionar o protocolo (se ten certificado de seguridade escolle https:// e se non será http://).
- Seleccionar o dominio (ou subdominio) onde realizar a instalación.
- Directorio. É relativo ao dominio e pode non existir. Por defecto, déixao en branco.
- Nome e descrición do sitio. Poderás cambialos máis adiante.
- Habilitar Multisite. Se desexas instalar varios WordPress no mesmo servidor. Por defecto, déixao sen marcar.
- Configurar nome, email e contrasinal de administración.
- Seleccionar lingua da instalación.
- Habilitar plugins opcionais. Por defecto, déixaos sen marcar.
- Opcións avanzadas como o nome da base de datos ou o prefixo de táboa, que podes deixar por defecto.
Dáslle ao botón instalar e xa tes o teu WordPress instalado.
Instalar WordPress en Raiola (con Installatron)
No caso de Raiola Networks tamén ofrecen unha opción de autoinstalacións chamada Installatron, que de xeito gráfico simplifica o proceso de instalación de diversas aplicacións.
Nel debes indicar:
- Dominio e ruta da instalación.
- Versión do WordPress a instalar. Recoméndoche que deixes a versión por defecto.
- Idioma da instalación.
- Contido. Marca LSCache agás razón concreta.
- Aceptación dos termos de licencia de WordPress.
- Nome, contrasinal e email do administrador.
- Título e descrición do sitio.
- Activar ou non a dobre autenticación. Eu marco non nesta opción.
- Limitar os intentos de ingreso. Ou, dito doutra forma, instalar un plugin que os controla. Eu marco non nesta opción, xa que prefiro instalar os plugins posteriormente.
- Activar multisitio. Por defecto, non.
- Administrar a configuración avanza. Por defecto deixamos os axustes que Raiola nos da. No caso de que administres ti a configuración, aquí podes indicar a base de datos, notificacións vía email ou backups automáticas.
Clicas en instalar, e listo.
Conclusións
Elixe descargar os arquivos de WordPress.org para as túas instalacións, o que permite ter un sitio totalmente configurable e escalable.
Como podes comprobar, existen diferentes xeitos de instalar WordPress, algúns automáticos e outros manuais.
Elixas o que elixas, o resultante da instalación funcionará exactamente igual, polo que eu sempre recomendo facelo a través dun instalador automático.
E cando remates, non esquezas facer os axustes iniciais máis importantes.
Coñeces máis xeitos de como instalar WordPress que non aparezan neste titorial?
E antes de rematar, pásate por aquí se queres coñecer GeneratePress, o mellor tema para o teu WordPress.
Falamos nos comentarios!
2 comentarios en “Guía: como instalar WordPress paso a paso”
Ogallá tivese existido este tutorial cando instalei o meu primer WordPress que desa vez non me levou para nada 5 minutos.
Que chulo, moi guapo o índice para ir ó miolo do que non controlas e o mellor de todo: ¡en galego!
¡Grazar por compartir!
Moitas grazas, Iago!
Intentei condensar os 2 xeitos que hai nestes intres de instalar WordPress: manualmente ou cun instalador automático, que cada vez máis hostings incorporan.
A verdade que cando escribín a entrada tamén pensaba en hai bastantes anos cando subía todos os arquivos por FTP, configurabas o wp-config.php e máis historias que agora xa non son precisas, e si que levaba un bo tempo.
E en galego, porque hai que intentar xerar contidos dun tema (deseño web e WordPress) sobre o cal non hai absolutamente nada escrito na nosa lingua.
Apertas.