No artigo de hoxe vou mostrar as claves mínimas e precisas para que comeces coa túa páxina web en WordPress.
Imos ver que é un dominio, que é un aloxamento e como os mercamos.
Falareiche e recomendareiche provedores de servizos de dominios e hosting en base a miña experiencia, e cos que nunca tiven ningún problema.
Ademais, están especializados en hosting WordPress, polo que son unha aposta segura.
Alá imos.
Que é un dominio?
O dominio é o nome que identifica a túa web na rede. É dicir, é a palabra ou conxunto de palabras que escribimos nun navegador para acceder a unha páxina web, e ás que lle colocamos unha extensión (.com, .org, .es, etc.)
Por exemplo, no caso da miña web o dominio é anxosanchez.com.
A utilidade dos dominios é fundamental, porque sen eles sería imposible recordar as direccións das páxinas web.
Polo momento non entrarei máis en profundidade en que dominio utilizar, mais recorda que o nome que elixas vai condicionar tamén a túa estratexia dixital. Pénsao ben!
E isto por que?
Porque as direccións das webs en realidade son unha serie de números chamadas IP. Os dominios o que fan é conectarnos con esas IP’s de xeito sinxelo e intuitivo a través dun sistema chamado DNS.
Sistema DNS
É aquel que se encarga de buscar en bases de datos distribuídas ao longo do mundo a IP que corresponde con cada dominio que a xente busca no navegador.
Isto é ben sinxelo.
Se a miña web ten realmente asignada unha IP como esta (estouma inventando :P) 123.123.123.123, recordar isto para un usuario pode ser imposible. Pola contra, se dicimos que a esa IP se lle asigna un dominio como anxosanchez.com e o servidor DNS xa se encarga de traducir automaticamente ese dominio nesa IP…
A cousa cambia!
Que é un hosting?
Un hosting é un servidor onde se almacenan os arquivos dunha páxina web. Por entendernos: cando dicimos que imos contratar un hosting o que realmente estamos a facer é alugar un pequeno anaco dun disco duro dun ordenador situado nalgún lugar do mundo e utilizar unha parte da súa potencia de procesamento.
Ese ordenador nunca se apaga nin perde a conexión (ou non debería) polo que a web sempre está online.
Unha oferta casi infinita
Escoller entre algunha das empresas que ofrecen servizos de hosting non é tarefa sinxela. Adoitan ser dúas cuestións fundamentais as que nos levan moitas veces a confusión: o prezo e a cantidade excepcional das existentes.
Pero nunha oferta tan grande non todas son boas opcións.
Déixame dicirche unha cousa: non escatimes no hosting. Un mal hosting pode provocar:
- Lentitude extrema, o que non só é prexudicial para o posicionamento en Google, senón que os teus potenciais clientes liscarán aburridos de tanto agardar. Se entras a unha web e logo de 3-5 segundos ainda non se mostrou, ti que fas? Posiblemente peches a fiestra.
- Erros continuos e caídas.
- Un mal soporte técnico. Que pasa o día que teñas un problema?
E dito doutro xeito: que che debe ofrecer un servizo de hosting?
- Instalación automática de WordPress, tal e como vimos antes.
- Panel de control intuitivo (recomendo os que poñan tipo CPanel).
- Discos duros SSD (fíxate se isto está entre as súas características).
- Soporte técnico permanente vía teléfono ou chat en vivo.
- Período de devolución por se non ficas satisfeito.
E cales uso eu?
Vou recomendar tres empresas que ofrecen servizos de hosting especializado en WordPress:
- Raiola Networks: empresa cun grande crecemento e con sede en Lugo. Soporte técnico telefónico, WordPress autoinstalable e se contratas hosting por un ano levas o dominio de balde. Unha das cousas que máis me gusta de Raiola son as solucións que teñen no seu blogue. Probaches a buscar algo sobre WordPress en Google? Aí saen eles nas primeiras posicións case sempre!
- Dinahosting: servizos de boa calidade e en galego. Insuperable servizo técnico por chat, no que te atenden en poucos instantes.
- Siteground: case 2 millóns de dominios rexistrados. Soporte técnico por chat, WordPress autoinstalable e con dominio de balde o primeiro ano. Segundo indica a súa web, é un hosting recomendado por WordPress.org.
Podes ver todas as ferramentas que recomendo de xeito sinxelo.
Como contratar un dominio sen hosting?
Contratar só o dominio, sen o hosting, é moi útil se estás nunha fase inicial do teu proxecto ou aínda non chegou o intre de investir nunha páxina web, mais non queres que ninguén o rexistre antes e perdas a posibilidade de que o teu negocio teña o seu nome correcto e internet.
Das empresas das que che falei, podes elixir Raiola Networks ou Dinahosting (pois Siteground non da a opción de rexistrar un dominio sen hosting).
A continuación, deixo unhas capturas de pantalla dos pasos a dar:
Contratar dominio con Raiola
- Busca no menú a opción dominios.
- Escribe o dominio que vas contratar.
- Se está dispoñible faracho saber. Pulsa Añadir al carro e confirma o que engadiches.
- Aparecerá un resumo. Pulsa en continuar (abaixo de todo).
- Pulsa en Pagar ahora.
- Engade a túa información persoal, o método de pago e pulsa en Completar el pedido. Chegará ao teu email unha mensaxe confirmando a compra.
Contratar dominio coa Dinahosting
- Na páxina principal escribe o dominio que estás a buscar.
- Engade ao carro de compra o dominio que buscas, ademáis podes ver outros tamén dispoñibles.
- Neste paso podes elixir o hosting ou non marcar ningun, que é o que faremos neste caso. Confirma.
- Aparecerá un resumo do que vas mercar, pulsa Seguinte paso.
- Terás que facer unha conta na lapela “… ou darte de alta na Dinahosting“.
- Selecciona método de pago e confirma a compra. Chegará un email coa información e a factura.
Como contratar un hosting (con dominio asociado)?
Contratar o pack dominio + hosting é perfecto se queres deseñar a páxina web do teu proxecto.
Das empresas das que che falei, podes elixir calquera delas, pois todas ofrecen este servizo e son de calidade. Pódeste decantar entre Raiola Netwoks, Dinahosting o Siteground.
A continuación, déixoche unhas capturas de pantalla dos pasos a realizar
Contratar hosting con Raiola
- No menú principal debes seleccionar Hosting WordPress SSD.
- Podes seleccionar un dos plans que se ofrecen, dependendo da túa web precisarás un ou outro.
- Debes seleccionar unha das opcións segundo teñas ou non dominio en propiedade. Se non o tes selecciona “quiero registrar un dominio nuevo”. Se o tes, pódelo transferir a Raiola ou simplemente deixalo onde o teñas contratado.
- Selecciona un ciclo de contratación de mínimo 12 meses. Se o fas así, levas o dominio de balde.
- A partir de aquí os pasos son os mesmos que cando contratas un dominio.
Contratar hosting coa Dinahosting
- O proceso de contratación é exactamente igual que no caso do dominio, a excepción dun paso, onde se debe escoller o hosting.
- Aquí dependendo da tipoloxía do teu proxecto, debes elixir un ou outro. Se o que queres instalar é un WordPress, moi posiblemente podas contratar o que aparece na captura.
Contratar hosting con Siteground
- Desde o menú principal debes escoller Hosting WordPress.
- Podes elixir entre 3 plans, todos cunha gama de servizos moi ampla e potente. Tes unha rebaixa inicial dun ano, logo o prezo aumenta bastante. Se o teu proxecto non é moi grande, posiblemente podas escoller a primeira opción.
- Rexistra un dominio novo asociado ao hosting ou indica se xa o tes mercado anteriormente.
- Completa os datos no seguinte paso e xa poderás acceder aos servizo
Conclusión
Como podes ver rexistrar un dominio e un hosting para a túa web non pode ser máis sinxelo, se o fas dunha maneira correcta e ordenada.
A miña recomendación é que sempre que teñas en mente comezar un proxecto merques o dominio, que non cho quiten. E se te animas, tómate o teu tempo, pensa a túa estratexia dixital e monta unha web. Coa axuda de WordPress as facilidades son moitas.
Non sabes o necesario que é!
Léoche nos comentarios, se queres 😉