Vou confesar que este artigo non era para hoxe.
A miña intención era publicar unha completa guía de Gutenberg, o novo editor de bloques de WordPress. Estou traballando arreo nela, sairá nas próximas semanas e estou seguro que vos vai gustar. Estade atent@s!
Aínda así, non marches.
Recordas cando instalamos WordPress? Pois unha vez feito iso debes elixir a parte visual da páxina web, é dicir, o tema (ou plantilla). O que ven os usuarios, a cara da túa web, que ti debes deseñar e configurar.
Existen miles de temas para WordPress, para todos os gustos. Hainos de todas as formas, cores e tamaños. Hainos de balde e de pago. Hainos optimizados e pesados. Hainos… en fin, é imposible que non atopes algún que non encaixe contigo.
Acompáñasme aprender como se instalan os temas en WordPress?
Non vas crer o sinxelo que é. E como existen varias opcións, ímolas repasar.
Imos alá!
Como afecta un tema (ou plantilla) ao funcionamento da web
Un tema está composto por unha serie de arquivos que conteñen a información precisa para que o sitio web se mostre dun determinado xeito con fondos, tipografías concretas, cores escollidas, o logo da túa empresa, etc.
A elección dun ou doutro tema vai supor un factor fundamental para que a web cargue rápido, mostre a información que ti queiras, como ti queiras e adaptada perfectamente ás necesidades ou características do teu lector.
De xeito esquemático debes ter en conta que a adaptación a todas as pantallas (o que comunmente se denomina responsive) vai depender da plantilla que elixas para construír a túa web.
É imprescindible que a web estea adaptada a todos os dispositivos. É fundamental o deseño correcto de menús, barras laterais ou pés de páxina.
Debe ser un tema lixeiro, sen elementos superfluos que sobrecarguen a web. A velocidade de carga e a optimización son factores de gran importancia para unha páxina profesional.
As actualizacións para a mellora no funcionamento ou a seguridade deben ser periódicas. O tema non pode estar abandonado porque isto repercutirá de xeito negativo e abriralle a porta a que acabes coa web infectada por código malicioso.
E se ten soporte, mellor que mellor!
En definitiva, como podes ver, estas son só algunhas das cuestións sobre as que debes ter tino cando escollas o tema.
Mais a idea era saber instalalo, non?
Subir tema desde o teu PC utilizando FTP
O primeiro xeito que imos repasar é a posibilidade de subir o tema mediante un FTP.
Se queres ver como se utiliza un FTP para subir arquivos en WordPress podes pasar pola guia de como instalar WordPress e alí explícoo.
Para subir un tema ao noso hosting, en primeiro lugar temos que elixilo e descargalo no noso ordenador.
Para isto accedemos ao repositorio oficial de temas de WordPress, á páxina de autor do tema que queras utilizar (por exemplo eu utilizo GeneratePress), a Themeforest ou a calqueira lugar onde podas obter plantillas de WordPress.
Elixe o tema que mellor encaixe co teu proxecto e descárgao.
Vou utilizar Twenty Nineteen, un tema básico desenvolto polo equipo de WordPress.
Descargarase no teu equipo un arquivo comprimido en formato ZIP. Descomprímeo e ábreo. Verás todos os arquivos que forman parte do tema. Todo o código que o fai funcionar está neses arquivos, e para desenvolvementos web avanzados haberá que modificalos.
Se queres ter máis información sobre o tema que estás a utilizar, podes ler o arquivo readme.txt, que está presente na maior parte das plantillas dispoñibles.
A continuación abre o Filezilla ou outro programa que permita as conexións vía FTP.
Sitúate na carpeta /wp-content/themes e arrastra nela a carpeta enteira do teu tema.
Unha vez rematada a subida, vai ao panel de administración de WordPress e na opción Apariencia -> Temas aparecerá o tema que acabas de subir. Desde esa mesma pantalla podes proceder a activalo.
Instalar tema desde o panel de administración de WordPress
Un xeito moito máis sinxelo para instalar temas en WordPress sería facelo desde o propio panel de administración.
Aínda que debes ter en conta que esta opción só serve para os temas subidos no repositorio oficial de WordPress.
Na opción Apariencia -> Temas -> Engadir Novo podes ver que aparecen unha serie de temas destacados, un filtro e unha búsqueda para que sexa moi sinxelo dar co tema que mellor se adapte as túas necesidades.
Podes utilizar todos os filtros que queras.
- Por temática: blog, ecommerce, educación, entretemento, vacacións, fotografía, etc.
- Por características: entrada fixa, imaxes destacadas, logotipo personalizado, fondos personalizados, etc.
- Por deseño de pantalla: unha columna, dúas columnas, barra lateral á esquerda ou á dereita, etc.
Unha vez elixas un, clica enriba del e pulsa instalar.
Xa terías o tema elixido instalado, simplemente deberás activalo desde o mesmo lugar que o falado no apartado anterior.
Subir tema desde o teu PC sen utilizar FTP
Quizais este sexa o xeito máis óptimo e é o que utilizo eu.
Podes subir un tema desde o teu PC sen utilizar FTP, facendo uso simplemente das ferramentas das que dispón o panel de administración de WordPress.
Este método permite instalar calquer tipo de tema, aínda que non estea no repositorio oficial de WordPress, e non debes ter no teu PC ningún programa como o Filezilla.
Sitúate no panel de administración de WordPress e vai á opción Apariencia -> Temas -> Engadir Temas e pulsa en Subir Tema.
Como o propio WordPress indica, debes subir o arquivo comprimido, tal e como o descargues do repositorio oficial de WordPress ou da páxina do programador do tema. Elíxeo e pulsa instalar agora.
Se todo foi ben, poderás activalo.
Conclusións
Como ves, existen diferentes formas de instalar un tema en WordPress. Cada unha mais sinxela que a anterior.
Podes subir e instalar tantos temas como desexes. Colle un espazo onde xogar co WordPress un pouco e proba unha e outra vez até ter unha idea máis ou menos clara de que fai cada tema.
Unha vez instalado, terás que proceder a configurar o teu tema, pero iso xa da para outro artigo.
Vémonos nos comentarios!